A Galiza perde unha media de 30 traballadores autónomos ao día

A ATA augura que veñen "meses malos" para o sector.
O comercio é un dos sectores máis afectados. (Foto: Europa Press)
photo_camera O comercio é un dos sectores máis afectados. (Foto: Europa Press)

Agosto despediuse deixando na Galiza unha media de 30 traballadores e traballadoras autónomos menos cada día. ATA Galiza —federación de asociacións de traballadores autónomos— ve "sinais inequívocos" de que veñen meses "malos" para o emprego, pondo como exemplo eses 915 cotizantes que se deron de baixa deste réxime en agosto.

A respecto diso, o presidente da federación, Rafael Granados, advirte de que "indubidabelmente o emprego nin vai ben nin vai ir ben tampouco nos próximos meses".

A Coruña é, segundo os datos do colectivo, a provincia galega "máis afectada pola perda de autónomos" e sectores como a hostalaría, o comercio e a agricultura "víronse duramente afectados". Todo iso, lamentan, por mor do incremento dos prezos das subministracións, dos carburantes e unha inflación "que está en máximos".

"Son varios meses que se están rexistrando importantes perdas de autónomos. Por iso, teremos que empezar a traballar conxuntamente coa Xunta e as institucións para pór en marcha medidas de carácter urxente que axuden a reverter esta situación, porque xa son moitos meses de caída de autónomos na Galiza", apunta Granados.

A cidadanía do Estado que peor valora a situación

Segundo o Eurobarómetro da Comisión Europea, a cidadanía do Estado español é que peor valoración económica fai, canda a francesa, da situación actual no continente, xa que só 25% considera que a situación é boa fronte 65% que ten unha visión negativa. O mesmo xuízo faise sobre a economía do Estado español, pois só 16% das persoas enquisadas ve con bos ollos a situación actual da economía española fronte 82% que a considera mala.

No referido á perspectiva económica na Unión Europea, o Eurobarómetro apunta que o desánimo se estende polos 27 Estados membros da UE pois, de media, só 16% dos europeos considera que a situación vai mellorar os próximos 12 meses, cun 53% que pensa que empeorará.

Comentarios