Colectivos de persoas autónomas alertan: "O peor está por vir"

A Federación de Autónomos da Galiza emitiu este sábado un comunicado para alertar da situación "dramática" que vive o colectivo, que perdeu até xullo máis de 100 integrantes
O sector dos 'riders' conta con altas taxas de autónomos involuntarios. (Foto: Europa Press)
photo_camera O sector dos 'riders' conta con altas taxas de autónomos involuntarios. (Foto: Europa Press)

A Federación de Autónomos da Galiza emitiu este sábado un comunicado para alertar da situación "dramática" que vive o colectivo, que perdeu até xullo máis de 100 integrantes cada mes e que, considera, "o peor está por vir".

Segundo os datos do Goberno español, apuntan desde a federación, a Galiza fechou o mes de xullo con 208.020 autónomos, o que supón que, desde xaneiro, perdeu 789 autónomos en cifras netas, uns datos "alarmantes" cunha tendencia que "empeora cada día".

Datos económicos

"A española é a única economía da Unión Europea que non recuperou o PIB pre-covid, a morosidade aumenta 42% no primeiro trimestre do ano, o período medio de pago das facturas aumentou 83'9 días de media desde o inicio da pandemia.

Ademais, o final da moratoria concursal disparou os concursos de acredores en 58%, mentres a creación de empresas na Galiza decae en 33%, e a débeda pública bate o seu récord histórico e supera xa os 1'47 billóns de euros", apunta o colectivo.

Panorama desolador

A este "cóctel explosivo", destacan, engádese "unha inflación de 10 por cento", o prezo e a escaseza de enerxía, a "retracción do consumo" e "unha elevadísima presión fiscal", entre outras cuestións, que fan do panorama algo "realmente desolador".

Ante esta situación, a Federación de Autónomos da Galiza reclamou un "cambio radical nas políticas públicas", sobre todo en materia enerxética, económica e fiscal, "que reforce a produción propia de todas as fontes de enerxía dispoñíbeis", unha "profunda reforma fiscal con rebaixas impositivas", unha "redución drástica do gasto público" e "unha moratoria na aplicación do sistema de cotización por ingresos dos autónomos".

Comentarios