A "folla de ruta" de Alcoa San Cibrao fixarase a comezos de xaneiro cunha reunión entre as partes

A compañía móstrase "comprometida" a cumprir co acordo, tal e como reclama o comité de empresa, pero pide solucións ante perdas de 200 millóns que estima para o vindeiro ano.

No camiño foron quedando empresas senlleiras mentres o oligopolio bancario non contribúe a solucionar os problemas de financiamento.(Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Unha bandeira reivindicativa ondea diante da cheminea da fábrica de Alcoa en San Cibrao. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Alcoa asegura estar "comprometida" a "cumprir coas obrigas do acordo de viabilidade" da planta de San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña), aínda que busca "solucións potenciais" para garantir que as operacións "sigan sendo sustentábeis no medio e longo prazo", xa que calcula que terá perdas de máis de 200 millóns de euros en 2024. De tal forma, empresa, administracións e traballadores emprazáronse a reunirse en xaneiro —mes no que deben reactivarse as cubas da planta de aluminio— para fixar unha "folla de ruta" que marque o futuro do complexo industrial da Mariña.

Nun comunicado após a reunión da mesa de seguimento —con participación de administracións, empresa e sindicatos— desta sexta feira, decorrida en Madrid, Alcoa asegurou que "non se tomaron decisións e a compañía quere traballar cos diferentes actores tanto a nivel rexional como nacional sobre posíbeis solucións". "Para Alcoa é importante que o proceso e calquera decisión que se tome sexa respectuoso cos nosos empregados e outras partes interesadas, incluídos os contratistas", agregan. Por iso, acordouse manter unha nova reunión en xaneiro para discutir a situación con máis detalle, "compartindo medidas que poderían tomarse para axudar a asegurar o futuro do complexo de San Cibrao".

A multinacional sostén que, desde a firma do acordo de viabilidade, investiu 26 millóns de dólares nos distintos proxectos incluídos no mesmo. "Vimos tamén como as perdas asociadas á fundición foron maiores do previsto e como a refinaría segue tendo uns resultados financeiros moi negativos a pesar da redución do ritmo de produción, fundamentalmente por factores de mercado", sostén. Durante os nove primeiros meses do ano 2023, as operacións de Alcoa no Estado español "tiveron aproximadamente 160 millóns de dólares de fluxo de caixa negativo, que comprenden aproximadamente 130 millóns de dólares de perdas operativas máis 30 millóns de dólares en investimentos nas dúas plantas".

Para o ano 2024, estima unhas perdas adicionais de máis de 200 millóns de dólares, "que inclúen tanto as perdas operativas e os gastos asociados cos investimentos de acordo co plan". "Baseándose nas condicións económicas actuais e previsíbeis, necesítase unha solución a longo prazo para afrontar as condicións insustentábeis das operacións de San Cibrao", aclaran.

A isto únese que "os atrasos na enerxía dispoñíbel dos PPA —acordos enerxéticos a longo prazo— asinados son parte do problema a medio prazo". "Isto combinado cun prezo do aluminio e da alúmina substancialmente máis baixos, creou unha situación moi difícil para Alcoa no Estado tanto para 2024 como para os anos seguintes, que debemos considerar de maneira integral", afirma a multinacional.

O comité mantén que sen forno non hai acordo

Pola súa parte, o presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, criticou que "Alcoa segue teimuda no mesmo problema: dicir que perde 700 millóns e que o próximo ano prevé perder 200 millóns". "Non compramos o discurso de Alcoa, dado que o ano 2020 e 2021 todo o que se perdeu foi pola súa campaña que tivo de ir xulgado após xulgado, mala fe após mala fe e estar un día após outro en folga connosco e en pelexa", recrimina.

Incide en que o acordo para San Cibrao ten "unha base e só unha", que é o forno de cocción para ánodos, pois "sen el non hai acordo de viabilidade", xa que supón un investimento de 109 millóns do total de 180 millóns. "Nós cumprimos e traballamos de boa fe", contrapón. Lembra que os traballadores deixaron "unha folga para un proceso de venda que non quixo continuar", ademais de renegociar o plan de viabilidade para dar prazos máis longos. "Atopámonos que temos unhas relacións laborais case mortas", recrimina Zan a Alcoa. "Máis do que demos somos incapaces de dar", matiza.

Paralelamente, exixe ás administracións "saber como están actualmente as PPA" para chegar ao 50% de enerxía que necesita o complexo da Mariña. Para iso, exixe ao Ministerio para a Transición Ecolóxica "que se molle" e que participe en próximas reunións. Zan avisa de que, no caso de que Alcoa decida "porse ao carón", "o que veña" debe ter eses parques eólicos e esa enerxía. "Non é un tema da planta, é un tema da Galiza", sentencia. Os gobernos español e galego "din que están dispostos a apoiar", resalta Zan, pero piden "concreción" a Alcoa para esas necesidades, o que sairá á palestra na nova reunión en xaneiro.

O Ministerio ve marxe para máis axudas

Mentres, o Ministerio de Industria comprometeuse a "traballar e sumar esforzos" coa Xunta, Alcoa e comité para garantir o futuro da compañía. Previamente á reunión desta sexta feira, a secretaria de Estado de Industria, Rebeca Torró, comprometeu que "por suposto que hai marxe" para dar máis axudas a Alcoa de cara ao futuro da planta de San Cibrao.

Tendo en conta que terminou a mesa de seguimento, Torró salientou: "Foi positiva porque nos comprometemos todas as partes en traballar e seguir sumando esforzos polo presente e o futuro de Alcoa". "Puidemos constatar que a empresa segue co compromiso de cumprir os acordos", resalta. Así mesmo, fixarase esa folla de ruta a principios de xaneiro para "identificar todas as cuestións" que Alcoa propón.

A Xunta urxe autorizar novos parques eólicos

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, reclamou a Alcoa un calendario de actuacións "claro e con transparencia", á vez que emprazado ao Goberno a que implante medidas de apoio á industria electrointensiva, incluída a autorización inmediata dos parques eólicos de competencia estatal vinculados coa factoría. "A día de hoxe non hai aínda ningún parque de Alcoa que dependa do Estado que estea autorizado", apostila.

Neste sentido, require á empresa que "traslade ás administracións que é o que espera ou precisa de cada unha para apoiar a continuidade desta industria". Finalmente, Lorenzana demanda ao Goberno que, "de maneira urxente", adopte medidas no estatuto de consumidores electrointensivos que favorezan unha redución de prezos da enerxía.

Comentarios