Persoal de Alcoa sostén que a empresa "non cumpre" os acordos

A vindeira semana, concretamente a segunda feira día 16, o comité de empresa manterá unha reunión coa parte empresarial para abordar a parada da fundición. 
Carteis de apoio á industria ás portas do complexo industrial de Alcoa en Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Carteis de apoio á industria ás portas do complexo industrial de Alcoa en Cervo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Representantes do comité de empresa de Alcoa en Cervo (A Mariña) reuníronse onte co secretario xeral de Industria da Xunta, Nicolás Vázquez. No encontro, a parte sindical trasladou que, na súa opinión, "Alcoa está a incumprir o acordo laboral ao apagar a fundición" no complexo de San Cibrao.

Á espera de analizar a situación xuridicamente, as fontes da Xunta da Galiza subliñan que o Goberno galego "mantén o compromiso global de velar polo mantemento da actividade e do emprego". Hai 10 días, a multinacional do aluminio confirmou a parada da produción en fundición, que era o único departamento da planta que seguía activo desde a parada das cubas de electrólise.

Fontes do Comité de Empresa destacan a Nós Diario que "estamos á espera das próximas reunións e de ter unha asemblea de traballadores. Nese momento faremos unha análise global da situación e decidiremos os pasos a dar. Polo de agora imos manter a cautela".

Novas reunións

A vindeira semana, concretamente a segunda feira día 16, o comité de empresa manterá unha reunión tamén coa parte empresarial para abordar a parada da fundición. 
Sobre este encontro con representantes de Alcoa que terá lugar en San Cibrao a partir das 13.30 horas, o persoal demanda a presenza de Álvaro Dorado, que era o presidente de Alcoa no Estado español durante a negociación de parada das cubas que se selou nun acordo o 29 de decembro de 2021. Así mesmo, os traballadores apuntan que seguen á espera de que o Goberno estatal fixe unha data para un encontro tamén demandado polo mesmo motivo.

Parada da fundición

Alcoa decidiu a paralización da fundición o pasado día 2 de outubro. A planta de aluminio esgotou todo o seu inventario e decidiu deter, polo menos temporalmente, os seus fornos "debido a unha moi difícil situación de mercado, que inclúe os altos custos de enerxía e falta de pedidos de clientes", expón a empresa.

A fundición poderá renovar as súas operacións se “as condicións do mercado melloraren”. A fundición da planta de aluminio continuou operando tras a parada das cubas de electrólise en xaneiro de 2022.

Comentarios