Alcoa traslada ao comité de empresa que quere modificar o plan asinado para 2024

O comité de Alcoa exixe o cumprimento "íntegro" do acordo e que a compañía "se aclare e deixe de torturar" o persoal.
Carteis sindicais diante da factoría de Alcoa, no municipio de Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Carteis sindicais diante da factoría de Alcoa, no municipio de Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

O comité de Alcoa San Cibrao informou onte de que a empresa trasladou que as compañías estatais están a funcionar a base de préstamos da compañía matriz, dos EUA, de forma que "a cantidade dispoñíbel de fondos para os investimentos acabaríase a finais do 2024" e "a matriz non está disposta a continuar financiando se as compañías estatais seguen xerando perdas".

Alcoa convocou esta sexta feira o comité da planta de San Cibrao, no municipio de Cervo (comarca da Mariña), a unha reunión en Madrid, antes solicitada pola parte social, para abordar o anuncio da empresa de aprazar a aprobación definitiva da construción do forno de cocción, principal investimento da compañía comprometido no acordo co persoal, asinado entre as partes o pasado 2021.

Durante a reunión, segundo puido saber Nós Diario, o comité de empresa exixiu á multinacional o "cumprimento íntegro" de dito acordo. "Da mesma maneira que os demais actores deste [en referencia ao cadro de persoal] viñeron cumprindo até a actualidade", apostilou o comité de empresa.

Neste sentido, denunciaron que a compañía busca non cumprir cos seus compromisos a pesar de que recibiron "axudas do Goberno do Estado, como por exemplo a última concedida que rolda os 20 millóns de euros como empresa gas-intensiva".

A multinacional dos EUA tamén se beneficia do "estabelecemento de excepcionalidade por parte da Xunta da Galiza para os parques eólicos de Alcoa como empresa esencial para a industria galega", lembraron.

"Que Alcoa se aclare e deixe de torturar [o persoal da empresa] todos os anos, especialmente no Nadal", laiouse a representación laboral. "Para poder manter as conversacións que propón Alcoa necesítase recuperar a credibilidade que, a día de hoxe e en vista das relacións laborais coa dirección, está moi deteriorada", incidiu o comité.

Ademais, acusaron a firma estadounidense de "mala fe", algo que foi constatado, dixeron, por sentenzas dos tribunais e pola interrupción por Alcoa da venda da factoría "con varios compradores moi importantes tanto estatais como internacionais".

"Necesitamos unha modificación do plan de 2024, mais non varía o rearranque comprometido para xaneiro", sinalou a compañía. Porén, o comité de empresa rexeita cambios no pacto asinado despois de amosar "boa fe" en temas como "o acordo de viabilidade, a parada de cubas, a modificación do acordo [en 2023] ou a loita por un marco enerxético estábel".

Comentarios