As Pontes non se rende: unhas 2.000 persoas toman as rúas exixindo unha "transición xusta" e un futuro con emprego e industria

Seguimento "masivo" en todos os sectores da folga xeral convocada hoxe no municipio para reverter a caída do emprego, afirman desde a CIG.
Manifestación nas Pontes o pasado mes de novembro (Foto: Nós Diario).
photo_camera Centos de persoas percorreron hoxe as rúas das Pontes. (Foto: Nós Diario)

Unhas 2.000 persoas participaron hoxe na manifestación que saíu ao mediodía da praza do Carme das Pontes no marco da folga xeral parcial convocada pola CIG neste concello da comarca do Eume, para reclamar unha "transición xusta", medidas que "garantan a reindustrialización" e un "futuro con emprego" para a localidade. A folga, que se materializou con carácter xeral entre ás 11 e ás 15 horas, tivo un seguimento masivo en todas as empresas, sectores e administracións, cun especial impacto no comercio e na hostalaría local que fecharon na práctica totalidade, precisan desde o sindicato nacionalista.

"A actividade do comercio e a hostalaría está sufrindo un duro golpe neste proceso de desmantelamento industrial e perda de emprego que atravesa As Pontes", advirten desde a CIG, que ao remate da manifestación trasladou ás e os profesionais destes sectores un "sentido agradecemento pola solidariedade amosada e o esforzo realizado".

 A xornada arrincou de madrugada, contra as 5.30 horas, con piquetes informativos despregados polos polígonos de Panapurreira e Os Airíos e mais a central térmica para "animar as traballadoras e traballadores a secundar a folga e a manifestación". Por volta das 9.30h, aproveitando a apertura do sector servizos, dos colexios e as dependencias públicas, o piquete percorreu o centro da vila facendo o mesmo chamado e explicando as principais reivindicacións que levaron a CIG a convocar este folga en solitario.

"Zona cero" da crise industrial

O secretario xeral, Paulo Carril, denunciou ao inicio da manifestación que "As Pontes é a zona cero" da crise industrial que padece Galiza. "Levamos anos denunciando que non estamos ante unha  transición, senón ante unha reconversión clásica que deixa detrás un estrago importante non só na actividade ligada á produción de enerxía, senón tamén naquelas empresas que no seu día foron representativas dos plans de reindustrialización, como Einsa", salientou.

Carril puxo énfase en que a táboa reivindicativa da CIG "é un clamor popular" que hoxe se expresou no seguimento masivo da folga. Unha xornada de loita, engadiu, que supón unha "chamada de atención urxente" para que todas as administracións -Goberno español, Xunta e Concello- fagan "o imposíbel" para "frear esta demolición e ao tempo evitar que sexa Endesa quen marque o ritmo e o calendario ante a inacción dos gobernos".

Valorou a enorme resposta dada polo pobo das Pontes, pero advertiu que "queda moito por diante". "As promesas dun paraíso industrial e de emprego para o concello das Pontes non son certas. A realidade que hai é unha sucesión de despedimentos e unha crise importante na localidade e na súa contorna", dixo. Tamén considerou que a velocidade á que se tiñan que materializar eses supostos proxectos "debera ser a mesma que a dos despedimentos e o sen futuro para o conxunto das traballadoras e os traballadores".  

"Destrúese emprego e non hai novos proxectos"

Pola súa parte, o voceiro da CIG nas Pontes, Alberte Amado, incidiu no "declive" que sofre a localidade dende o anuncio do fechamento da central en 2019, sen que neste tempo houbese solucións nin se asentsen xa novos proxectos industriais. "Aínda estamos ante promesas e procesos na vía administrativa, cando xa temos enriba un ERE en Einsa Print para despedir a 155 persoas, dúas empresas emblemáticas como Hermanos Gabeiras e Transportes Canosa en procesos concursais, e un ERE temporal ao longo de todo este ano e que se prevé continúe o próximo, en Intasa". A isto, alertou, hai que sumarlle o fechamento de comercios e a "caída xeneralizada do consumo".

Sobre o preacordo acadado esta cuarta feira para a industria auxiliar de Endesa, Amado explicou que aínda que se produciron avances, "falta concreción e non deixa de ser un parche temporal até o mes de marzo". Pediu que as garantías de emprego se prolonguen no tempo e lembrou que aínda está pendente manter reunión co nova contratista que vai coller os traballos de predesmantelamento.

Esta situación crítica, continuou Amado, "merece unha resposta para exixirlle solucións ás administracións, nomeadamente, un plan de choque que a curto praza dea unha alternativa laboral e económica a todos os colectivos afectados, así como a creación de solo industrial no municipio", Nesta liña, urxe que se conserve a vinculación laboral dos traballadores e traballadoras da industria auxilia, estudando a súa posíbel incorporación a Endesa e, en todo caso, garantindo a súa incorporación nos proxectos industriais futuros.

Con esta folga a CIG tamén reclama a paralización de todos os ERE presentados e que se reasignen os 1.400 megawatts (MW) de evacuación da central térmica no nó de transición xusta das Pontes e a consecuente poxa ligada a proxectos industriais. Esta capacidade de evacuación, recalcou, “constitúe un valor engadido para acadar proxectos, sobre todo no eido enerxético no inmediato”.

Unhas demandas xustas porque "queremos seguir traballando e vivindo aquí, non seguir nesta dinámica de perda de poboación, avellentamento, e destrución de emprego", concluíu.

Comentarios