Traballadores de Einsa Print levan a súa protesta a Compostela para pedir aumentar o prazo de negociación do ERE

Realizan unha concentración ante o Consello de Relacións Laborais e advirten de que a empresa "ten solvencia económica para endebedarse".

EuropaPress_5592295_protesta_einsa_print_consello_galego_relacions_laborais
photo_camera (Foto: Europa Press)

Os traballadores de Einsa Print, empresa de artes gráficas situada nas Pontes (comarca de Eume) levaron a súa protesta esta cuarta feira até Compostela, onde se concentraron ante o Consello Galego de Relacións Laborais con motivo dunha nova reunión do período de consultas polo ERE de despedimento de 155 empregados.

En declaracións aos medios, o presidente do comité, Daniel Pena, explica que queda só unha semana da mesa de negociación do ERE, que remata o día 30, polo que reclaman que se aumente o prazo de consultas.

Así, apunta que os traballadores decidiron desprazarse a Compostela "para facer un pouco de presión" porque "a afectación nas Pontes é moi potente". A empresa presentou toda a documentación legal e un plan de recolocación externa, mais "pouco máis avanza a cuestión".

Após reunións co Concello das Pontes, Consellaría de Industria e todos os grupos parlamentarios, están á espera dun encontro tamén con empresa e Ministerio de Industria para "buscar alternativas para a xente que quede sen traballo nas Pontes". "Ten que haber un plan de recolocación e formación", remarca.

Deixa claro que a empresa "ten solvencia económica para endebedarse" e "adaptarse ao mercado", que "é a escusa que pon para estes despedimentos". Daniel Pena indica que o ERE que presentan é por causas produtivas e organizativas, mais, "vendo as contas", o "problema de caixa non é tan grande como din".

Pena relata que aínda teñen carga de traballo, mais "é verdade que baixou". "Sabemos que o papel baixou co tema dixital, pero cremos que hai outras alternativas que se poden facer dentro do mesmo sector, que non se queren acometer. Simplemente o plan de viabilidade da empresa é despedimentos até que as contas dean. Ese é o único plan que teñen", lamenta.

Pon exemplo de que antes imprimían as revistas Pronto ou Telva, así como guías telefónicas, mais agora "son sobre todo traballos internacionais", tales como guías de British Telecom con pedidos até marzo do ano que vén.

Comentarios