Pontón reclama un concurso coa adxudicación dos MW liberados de Endesa

Critica a falta de vontade política dos Gobernos galego e estatal coa localidade, “sen plan industrial catro anos despois do anuncio do peche da central térmica”.

ana ponton as pontes
photo_camera Ana Pontón na manifestación desta quinta feira nas Pontes (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclama a posta en marcha dun concurso para unha transición enerxética “xusta” nas Pontes (comarca de Eume) que inclúa todos os megawatts (MW) que van quedar liberados co peche da térmica de Endesa, unha cuestión que considerou “chave” para o futuro da vila.

Así o afirmou na manifestación da xornada de folga desenvolvida esta quinta feira na localidade, onde incidiu en que o concurso de transición implica que vai haber proxectos que teñan que competir, e criterios sociais á hora de adxudicar os MW que van quedar libres para a evacuación na localidade co peche da térmica e, polo tanto, que haberá “transparencia, prazos e garantías de futuro para As Pontes que agora non vemos”.

Neste sentido, criticou a “inconcibíbel falta de vontade política” tanto do Goberno galego como do estatal á hora de desenvolver alternativas de futuro para a vila no que considerou “unha fraude” debido á inacción de ambos os dous Executivos para pór en marcha “unha transición enerxética xusta que afecta non só As Pontes, senón ao conxunto de toda a comarca”.

Pontón recordou que ao longo dos últimos anos se fixeron moitos anuncios que non se están materializando en compromisos concretos e advertiu que xa hai catro anos que se anunciou o peche da térmica sen que a estas alturas haxa aínda un plan de industrialización para As Pontes.

“Estase producindo unha fraude que non podemos permitir porque se está xogando co futuro e co pan da xente deste concello”, incidiu para denunciar a continuación o distinto trato co que se está actuando noutros lugares, como en Aragón, onde si hai un concurso de transición enerxética xusta xa dende o ano 2022 e xa adxudicado. “Nas Pontes non sabemos nada a respecto do futuro, máis alá de anuncios en prensa que non temos a certeza de que se van a levar adiante”, reprobou.

A líder nacionalista advertiu que o Goberno da Xunta  tampouco está cumprindo coa localidade e lembrou que nos Orzamentos de 2024 “non hai nin unha soa partida destinada a unha transición xusta nas Pontes e a a proxectos industriais de futuro”. 

Pontón afirmou que, nun momento clave e decisivo, non se pode permitir “que nas Pontes se repita a reconversión industrial que xa vimos que consecuencias tivo para Ferrolterra” e reafirmou o compromiso do BNG “para que haxa futuro neste concello porque hai posibilidades e capacidade, pero o que se necesitan son compromisos concretos”.

A portavoz do Bloque tamén mostrou a súa preocupación polo que está a pasar na empresa EINSA, “onde hai 150 empregos en xogo”, e avanzou que a formación nacionalista vai pedir á Xunta que interveña e reclame a paralización do ERE mentres se buscan alternativas de recolocación.

Comentarios