A folga do lixo en Lugo cumpre 6 semanas e mantense sen acordos

As organizacións obreiras critican o alcalde por actuar con "connivencia" desde que comezou o conflito e denuncian que o Concello "feche" posibilidades para solucionalo. 

Malia se reanudaren as conversas entre a concesionaria e o comité de folga continúa sen solución a folga do lixo en Lugo. E vai para dous meses. A férrea postura de Urbaser a respeito da retirada dos despedimentos e sancións está a impedir a sinatura dun novo convenio colectivo. Entrementres, desde o Concello de Lugo, a equipa de goberno rexeitou mudar o contrato asinado coa empresa para pular pola resolución do conflito. 

O concello rexeitou mudar o contrato con Urbaser para que 14 traballador@s teñan unha xornada de luns a sábado

A asemblea de traballador@s e o comité reclaman a modificación da xornada laboral de 14 operari@s para pasaren de traballar de luns a domingo a unha xornada de luns a sábado. Para Julio Pacio, secretario do comité de folga, co rexeitamento do consistorio "féchanse parte das posibilidades" dun acordo. 

Após 47 días de conflito as acusacións entrecrúzanse. Urbaser critica a "demogoxia" coa que di están a actuar as centrais sindicais mentres que @s empregad@s acusan o concello de actuar con "connivencia" coa empresa --filial de ACS.

Desde o comité de folga e o cadro de persoal teñen denunciado en reiteradas ocasións que a actitude do consistorio e do alcalde beneficia os intereses empresariais de Urbaser e denuncian que non teña tomado parte activa na solución do conflito. 

Porén, o alcalde de Lugo, José López Orozco, asegurou que "nunca, nen de maneira activa nen pasiva a empresa me deu nada" polo que di non ter ningún interese en Urbaser. 

Comentarios