As protestas na CRTVG marcarán a campaña e as eleccións

O comité intercentros chama a unha nova xornada de folga esta sexta feira, no inicio da campaña electoral, e mantén a convocatoria de paro o 28-M.
Concentración de persoal da CRTVG esta terza feira ante o Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración de persoal da CRTVG ante o Parlamento galego, o pasado mes. (Foto: Nós Diario)

O persoal da CRTVG protagonizará unha nova xornada de folga esta sexta feira, día 12, nunha data en absoluto casual que coincide co inicio da campaña de cara ás eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Será o quinto día de paro nas redaccións da TVG e a Radio Galega após os que convocou o comité intercentros os pasados 6, 24 e 25 de marzo e mais o 25 de abril, cando as protestas alcanzaron o Senado, para reclamar o "cesamento dos abusos contra as persoas traballadoras que se negan a acatar as prácticas de manipulación informativa" que atribúen á dirección da corporación pública.

O obxectivo de mobilizarse esta sexta feira é, pois, "favorecer que en cada acto electoral que se celebre en cada concello galego se difunda e se informe á cidadanía do país da grave situación que atravesan os medios públicos de comunicación de Galicia, secuestrados, en opinión da representación legal do persoal, polo Partido Popular que goberna a Xunta, que utiliza a radio e a televisión de todas con fins exclusivamente partidistas".

Co fin de buscar unha resolución para un conflito que leva enquistado xa un lustro nos medios públicos da Galiza, tanto o comité intercentros como a propia CRTVG aceptaron a mediación proposta por un sindicato no seo do Consello Galego de Relacións Laborais.

Porén, lamentan as e os traballadores mobilizados, ese intento de achegar posturas "quedou en suspenso" esta mesma semana, após dúas xuntanzas, "ao non aceptar a empresa repor nos seus postos de orixe varias traballadoras que foran trasladadas de medio (da radio á tele, da tele á radio ou da radio a internet), segundo o comité de empresa, como castigo por non ser dóciles ante a dirección".

A representación legal dos traballadores alerta dun "alto índice de baixas médicas" por mor do clima laboral

A representación legal do persoal da corporación, "alertada polo alto índice de baixas médicas motivadas polo clima laboral", exixe tamén a elaboración dun estudo psicosocial actualizado, a negociación das condicións de traballo de categorías profesionais afectadas pola renovación tecnolóxica e a recuperación de dereitos que quedaron en suspenso coa lei de medidas temporais do emprego público de 2012, "que incrementou a xornada de trinta e cinco a trinta e sete horas e media".

Desde o comité avanzan que as protestas non farán máis que incrementarse ao longo da campaña electoral perante "accións selectivas" e mantén firme a convocatoria de folga o propio día das votacións, o domingo 28 de maio, co significativo impacto que isto tería para a TVG e a radio.

Comentarios