Persoal da CRTVG mobilízase ante o Senado para reclamar "a fin dos abusos"

O Comité Intercentros anunciou novas xornadas de folga na CRTVG os días 12 e 28 de maio, cadrando coa apertura da campaña das eleccións municipais e o propio día das eleccións municipais.
Concentración de persoal da CRTVG ante o Senado, en Madrid esta terza feira (Foto: CUT CRTVG).
photo_camera Concentración de persoal da CRTVG ante o Senado, en Madrid esta terza feira (Foto: CUT CRTVG).

Traballadoras e traballadores da Corporación Pública de Radio Televisión de Galiza (CRTVG) concentráronse na tarde desta terza feira ás portas do Senado, en Madrid, baixo o lema ‘Non máis abusos’.

A mobilización coincidiu coa comparecencia de Alberto Núñez Feixoo, como senador, na cámara e coa cuarta xornada de folga intermitente que o persoal dos medios públicos galegos vén secundando desde o pasado mes de marzo.

O persoal da CRTVG considera o senador Alberto Núñez Feixoo, “responsábel”, durante o seu mandato como presidente da Xunta da Galiza, entre 2009 y 2022, da grave situación de “manipulación informativa e represalias” ás traballadoras en que deixou os medios públicos galegos.

Neste sentido o presidente do comité intercentros, Tiago Alvite, en declaracións aos medios de comunicación, denunciou a “marxinación laboral severa con vulneración de dereitos” como o do progreso profesional ou o de ter unha ocupación efectiva, mais tamén o “trato discriminatorio e degradante, a apertura de expedientes sancionadores arbitrarios ou os traslados forzosos”.

Alvite considerou que esta situación é consecuencia da actuación dunha “dirección ilegal, nomeada a dedo e autoritaria” á que acusou de ter como obxectivo “someter os medios públicos” en favor do Goberno do Partido Popular.

Novas xornadas de folga

Durante esta xornada decorría tamén a cuarta xornada de folga na cal a tónica xeral foron as redaccións baleiras o que provocou que caeran da grella da TVG programas como Ao Contraataque ou Pensando en ti e que na TVG o Bos Días se emitira sen deportes e que caera A Revista.

O Comité Intercentros anunciou ademais novas xornadas de folga na CRTVG os días 12 e 28 de maio, cadrando coa apertura da campaña das eleccións municipais e o propio día das eleccións municipais.

Os obxectivos da folga son “reclamar o cesamento dos abusos” e “restabelecer un clima laboral respectuoso cos dereitos das traballadoras e traballadores do ente público e erradicar o trato degradante que os superiores xerárquicos e funcionais inflixen ás persoas traballadoras ao seu cargo”.

Reclaman ademais a realización, sen demora, do estudo psicosocial acordado no Comité de Seguridade e Saúde Laboral e que se repoña nos seus respectivos medios de orixe ao persoal que -como represalia- foi trasladado da radio a internet e televisión e da televisión á radio.

Xunto a isto exixen a fin da imposición, por parte da dirección da CRTVG, de novas funcións no contexto do cambio tecnolóxico.

Comentarios