339 postos de traballo no ar: máis de 50% do cadro de persoal de Telefónica verase afectado por un ERE

O expediente de regulación de emprego atinxirá 339 empregadas galegas.
Sede de Telefónica. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Sede de Telefónica. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Esta segunda feira, 4 de decembro, constituíronse as mesas de negociación dos expedientes de regulación de emprego (ERE) que afectaran as tres principais filiais de Telefónica en España (Telefónica de España, Móbiles e Solucións) e a compañía propuxo a "modificación" de 5.124 de postos de traballo até 2026. Na Galiza, a medida afectará 339 empregados e empregadas, máis do 50% do cadro de persoal galego. 

En concreto, a empresa trasladou aos sindicatos que o que denominan "excedente funcional" é de 81 traballadores en Telefónica Solucións, de 958 en Telefónica Móbiles e de 4.085 en Telefónica en España. Un ERE que xustifican por "causas organizativas" en relación coa modificación dos servizos que presta a empresa.

"O elevado excedente funcional pode acometerse desde diversas medidas de acción: recualificación e cambio de actividade, a través de 'upskilling' e /ou 'reskilling', internalizacións e baixas propiamente ditas, que serán inevitablemente inferiores en número", matizou UXT

Afectación por filiais

Neste sentido, Telefónica en España indicou aos sindicatos que arredor do 50% do "excedente" do cadro de persoal afectará postos de traballo de Madrid (1.580), Catalunya (777) e Andalucía (691), seguidos do País Valencià (343) e da Galiza (339), que se sitúa así como a quinta comunidade máis afectada polo expediente de regulación.

Por filiais da compañía, a máis afectada será Telefónica de España, con 310 traballadores e traballadoras galegas implicadas. En canto á afectación do ERE en Telefónica Móbiles, do total de 958, corresponden á Galiza 29. E, en canto a Telefónica Solucións, non haberá persoal galego afectado. 

Comentarios