As traballadoras do fogar urxen dereitos laborais plenos ante situacións de auténtica "escravitude moderna"

Perto de 25.000 persoas traballan na Galiza como empregadas do fogar e dos coidados de forma regular. Moitas máis fano en condicións máxima vulnerabilidade e explotación, fóra das estatísticas oficiais. A OIT calcula que oito de cada dez traballadoras domésticas non gozan de protección laboral e social efectiva.
Empregadas domésticas urxen ratificar o Convenio 189 da OIT (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press).
photo_camera Empregadas domésticas urxen ratificar o Convenio 189 da OIT. (Foto: Cézaro De Luca / Europa Press)

"Limpar, cociñar, pasar o ferro, fregar, pero, sobre todo, coidar as persoas. Unha das cousas máis importantes que facemos as traballadoras do fogar é coidar das persoas que máis queren os demais. E por iso somos imprescindíbeis". Rafaela Pimentel é empregada do fogar e membro do Colectivo Territorio. É muller e migrante. Leva anos exixindo o fin da explotación no sector e que o Estado español ratifique o Convenio 189 da Organización Internacional do Traballo (OIT).

O tratado aprobouse en xuño de 2011. Desde entón, só 32 países aprobaron este acordo que recoñece para as traballadoras domésticas os mesmos dereitos que para o resto de traballadoras en materia de prevención de riscos laborais, despedimento e protección do desemprego. Unha década despois, só oito países da Unión Europea asinaron o Convenio e España non é un deles, se ben o Goberno avanzou no mes de outubro que iniciou os trámites para a súa ratificación e garantir a protección laboral das empregadas do fogar en resposta a unha petición de Pimentel.

Segundo a OIT, oito de cada dez as empregadas domésticas a nivel mundial carecen de protección laboral e social efectiva" dun total de 75,6 millóns de persoas que se dedican a esta tarefa.

De acordo coa Enquisa de Poboación Activa, no terceiro trimestre de 2021 había 557.300 persoas empregadas no servizo doméstico, 478.400 delas, mulleres e perto dun 70% afiliadas á Seguridade Social.

Un traballo invisibilizado

Na Galiza hai perto de 25.000 inscritas e cotizando no sistema especial de empregadas do fogar, dentro do réxime xeral. Aprobouse en 2011 co fin de recoñecer os dereitos dun colectivo moi feminizado, con grandes bolsas de economía somerxida e invisibilizado. Esta reforma legal supuxo importantes avances en materia de cotización, desde a primeira hora de traballo, baixas e vacacións; mais deixou sen resolver conquistas laborais que as empregadas do fogar veñen reclamando desde hai anos en materia de protección social e do desemprego.

"A maior inxustiza cando es empregada do fogar é que non poidas cobrar o paro cando te quedas sen traballo, como se non fose tal. Porque todas as demais traballadoras teñen ese dereito e as domésticas non?, cuestiona Carol. "É un traballo que te consome, moi duro fisicamente, que che exixe moito. E non se valora". 
Chegou á Galiza hai ano e medio procedente de Colombia. Á espera da homologación do seu título de FP como auxiliar de clínica traballou como empregada do fogar durante un ano, desde as 18.30 a 10.30 horas. "Cotizaban por min catro horas mais  botaba 16. Limpaba, pasaba o ferro e coidaba dunha persoa de 97 anos. E o que me pagaban non chegaba ao salario mínimo".

Segundo reflicten as estatísticas do Ministerio de Igualdade, máis de 55% das empregadas do fogar son persoas migrantes, unha realidade coa que baten a diario na asociación Arraianas de Compostela.

Gonzalo Sáez é avogado e un dos membros da entidade. Desde outubro de 2020 atenderone atenden unhas 150 persoas en situación ou risco de exclusión social e especial vulnerabilidade, fundamentalmente migrantes, tanto en situación regular como irregular. "Un 35% son empregadas do fogar", destaca. Todas mulleres, sometidas en moitos casos a uns niveis de precariedade e explotación que non deixan de denunciar malia o silencio e a escuridade que rodea este colectivo.
Para Sáez, a situación de invisibilidade á que se somete ás persoas migrantes en situación irregular, como desprendidas de certos dereitos e recoñecemento, fai que o mercado de traballo se aproveite delas".

Vulneración de dereitos

Se son invisíbeis para o Estado, defende, "vense abocadas a desaparecer en espazos nos que as persoas empregadoras teñen todo o poder". Ás veces na construción ou na hostalaría, pero sobre todo, no ámbito do fogar e dos coidados, onde a vulneración dos dereitos laborais, di Sáez, é a norma: impagos, horas extras e vacacións sen remuneración, pagos por baixo do salario mínimo, incremento de horas, maltratos psicolóxicos continuados.

"Quen contrata xoga coa incerteza e as necesidades das persoas migrantes", obrigadas a conservar o traballo para poder sobrevivir e axudar a familia que deixaron atrás. "Quen contrata coñece esa vulnerabilidade e aprovéitaa", máis aínda no caso das empregadas internas, onde a exclusión en materia de vivenda extrema as condicións laborais. "Moitas son persoas que levan aquí pouco tempo, sen casa nin unha rede de apoio, sen días libres. Sabemos  de quen leva dous anos sen saír máis que para mercar. Danse auténticas situacións de escravitude. De escravitude moderna", conclúe.

Unha demanda pioneira na Galiza

A finais de setembro, o Avogado Xeral do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TUE), Maciej Szpunar, concluíu que a lexislación estatal que exclúe das prestacións por desemprego as empregadas do fogar é contraria ao dereito da Unión Europea. Entende que "constitúe unha discriminación indirecta por razón de sexo" cara ás mulleres. A súa resolución non é vinculante para a sentenza que o TUE prevé resolver antes de que remate o ano en resposta á demanda presentada por unha traballadora do fogar de Vigo á que a Tesourería Xeral da Seguridade Social denegou unha solicitude de cotización para adquirir o dereito á prestación por desemprego. A lexislación actual fixa que as empregadas domésticas non teñen dereito a paro. Unha sentenza favorábel abriría as portas a que miles de mulleres poidan facelo no futuro.

Comentarios