Estas son as condicións laborais das brigadas forestais: "Benvidos a 2022, a escravitude existe"

Se ao rematar a xornada de traballo se declara unha urxencia o traballador debe seguir prestando o servizo, "computándose como horas ordinarias as realizadas en exceso", di este contrato publicado pola Brigada de Laza.
Bombeiros actuando no incendio que afectou Boiro. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Bombeiros actuando no incendio que afectou Boiro recentemente. (Foto: César Arxina / Europa Press)

Non é a primeira vez que as brigadas forestais poñen de manifesto as precarias condicións baixo as que se contrata o persoal na Galiza. Desta volta, desde a Brigada de Laza nos contratos a través de empresas privadas dos bombeiros forestais helitransportados.

Nunha mensaxe que percorreu Twitter nas últimas horas, poñen como exemplo dúas nóminas, unha de 1.245,76 euros netos e outra que apenas supera o salario mínimo interprofesional, de 1.099,8 euros netos.

"Benvidos a 2022, a escravitude existe! [Son] dos poucos que co paso dos anos cobran menos", lamentan desde a brigada forestal de Laza, que tamén adxunta as cláusulas adicionais dun destes contratos coas condicións ás que se somete o persoal.

Así, a cláusula primeira apunta que "a incapacidade temporal sobrevida durante o período de prueba, así como a folga e/ou ausencia ao traballo interrompe o cómputo do mesmo".

En segundo lugar, a respecto do tempo de lecer, o contrato decreta que "os descansos semanais e a xornada de traballo computaranse por ciclos de dúas semanas, sendo a duración de cada ciclo de 80 horas segundo o horario que dispoña a Xunta da Galiza, que poderá variar en función das condicións climatolóxicas".

Con todo, esta cláusula engade un matiz: "Se ao rematar a xornada de traballo se declarase unha urxencia, o traballador continuará prestando os seus servizos até que os mesmos non fosen precisos ou fose relevado do seu cometido, computándose como horas ordinarias as realizadas en exceso sobre as estipuladas para cada ciclo de traballo".

Aliás, a cláusula décima dispón que, "dadas as particularidades do traballo", o persoal será "obrigado a realizar todas aquelas horas extraordinarias que poidan ter a súa orixe en causas estruturais ou de forza maior".

Comentarios