Eis as chaves da aprobación do subsidio de desemprego para as traballadoras do fogar

Na Galiza hai un total de 34.561 persoas empregadas no sector dos traballos do fogar, das cales 97’9% son mulleres.
Manifestación de empregadas do fogar ás portas do Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera Manifestación de empregadas do fogar ás portas do Congreso. (Foto: Europa Press)

No día de onte, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, anunciou que o Consello de Ministras e Ministros desta terza feira aprobará que as empregadas do traballo do fogar teñan dereito a cobrar o subsidio de desemprego.

Sánchez asegurou que o obxectivo desta aprobación é pór fin “a unha situación absolutamente inaceptábel”. En 2020, no medio da pandemia de coronavirus, o Executivo estatal xa aprobara un subsidio extraordinario e temporal para que as traballadoras deste sector que estivesen inscritas na Seguridade Social puidesen acceder a el.

O pasado 9 de xuño, o Congreso ratificou o Convenio 189 da Organización Internacional do Traballo (OIT), que promove a adopción de medidas para acadar a igualdade de dereitos laborais entre as empregadas do traballo do fogar e o resto de profesionais.

Requisitos para acceder ao paro

Unha vez se aprobe de maneira definitiva esta medida, as empregadas do fogar que desexen acceder ao subsidio de desemprego deberán cumprir unha serie de requisitos, de igual maneira que o resto de traballadores e traballadoras no Estado español.

Así, deberán estar dadas de alta no réxime contributivo da Seguridade Social e como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). Deberán ter cotizados, como mínimo, 360 días durante os seis anos anteriores.

Aliás, deberán estar nunha situación legal de desemprego, e non poderán cobrar outras pensións ou subsidios da Seguridade Social que sexan incompatíbeis.

Canto cobrarán

Para o cálculo do subsidio que recibirá cada empregada do fogar, tomaranse como referencia as bases de cotización do Instituto Nacional da Seguridade Social. Dependendo do tempo máximo ao que teñan dereito de paro, cobrarán unha u outra cantidade.

Por norma xeral, nos primeiros seis meses poderán percibir até 70% da base reguladora. A partir do sétimo mes, e cun máximo de dous anos, a porcentaxe da base reguladora reducirase até 50%.

Un emprego case exclusivo de mulleres

Con motivo do Día Internacional das Traballadoras do Fogar, que decorre cada 30 de marzo, a ONG de cooperación para o desenvolvemento Oxfam Intermón presentou os datos do seu informe Esenciales y sin derechos. O cómo implementar el convenio 19 de la OIT para las trabajadoras del hogar, que demostran a difícil situación que vive este sector, sendo un dos máis golpeados pola precariedade e a pobreza no mercado laboral.

Con respecto á Galiza, o informe recolle cifras moi preocupantes. No territorio galego hai un total de 34.561 persoas empregadas no sector dos traballos do fogar, das cales 97,9% son mulleres. Ademais, unha cuarta parte do total de traballadoras do fogar e de coidados son mulleres estranxeiras, as cales adoitan estar dobremente discriminadas, mentres que a nivel estatal a cifra sobe a máis da metade. Cómpre destacar tamén que a porcentaxe de parcialidade involuntaria no sector é de case 60%.

As traballadoras do fogar conforman 5,7% do total de mulleres empregadas na Galiza, e seguen sen contar cunhas condicións laborais dignas. Segundo o propio colectivo, as afectadas adoitan enfrontarse con traballos sen seguro nin contrato, mesmo cando se trata do coidado de persoas dependentes como crianzas ou maiores, condicións que se agravan no caso das traballadoras internas.

Comentarios