Eleccións Sindicais

Cita chave coas urnas para os 43.000 traballadores do Sergas

Todos os colectivos profesionais que conforman o Servizo Galego de Saúde elixirán esta quinta feira a súa representación sindical para os próximos catro anos. A CIG venceu na anterior cita coas urnas, en 2019, obtendo 66 dos 287 delegados totais.
Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)

Os perto de 43.000 traballadores e traballadoras que compoñen o Servizo Galego de Saúde (Sergas) están chamados a participar esta quinta feira, día 11, nas eleccións sindicais a través das que elixirán os seus representantes para os próximos catro anos. Na votación participarán todos os colectivos profesionais: médicos, residentes en formación, persoal de enfermaría, técnicos superiores, auxiliares de enfermaría, administrativos, persoal de cociña, empregados de mantemento e celadores.

Segundo trasladan desde o Goberno galego, as 84 mesas electorais repartidas por once circunscricións de todo o país ficarán abertas desde as 8 horas desta mañá até as 23h, para permitir a participación de todas as quendas. Desta votación resultará unha xunta de persoal por cada circunscrición, así como os 15 representantes dos traballadores na Mesa Sectorial de persoal estatutario do Sergas. Este é o principal órgano legal de negociación das condicións laborais e retributivas coa Administración.

Nas últimas eleccións sindicais, decorridas en maio de 2019, a CIG gañou con 66 delegados electos dos 287 totais. Tamén lograron representación CCOO (39), CSIF (38), Satse (33), UXT (32), O'Mega (23), USAE (19), Prosagap (16), CESM (15) e TSP, COBAS, e SEPXG, con dous cada un. Con todo, na Mesa Sectorial só estiveron representados cinco durante os últimos catro anos: CIG, CCOO, CSIF, Satse e UXT.

As eleccións, marcadas polas protestas

Estes comicios convócanse poucas semanas despois dos dous soados acordos asinados polo Sergas con melloras das condicións do persoal médico, principalmente retributivas pero tamén para a implantación paulatina da xornada de 35 horas semanais para a partir de 2025.

O primeiro deles, ratificado na noite do 19 de abril coa Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM), para pór fin a unha folga de facultativos que convocou esta central en solitario e que durou un total de nove días. Ao día seguinte, tamén pola noite, a Administración pactaba cos sindicatos que si estaban na Mesa Sectorial estender estas melloras —e outras que se negociaron— ao resto de persoal do sistema sanitario.

No contexto tamén está ese acordo entre CSIF e CESM para concorrer de forma conxunta aos comicios, a pesar de que formalmente non se puideron constituír como coalición. No entanto, as listas de CSIF si inclúen a persoas de CESM —organización convocante da folga— nelas.

Estas eleccións sindicais son especialmente relevantes porque a Mesa Sectorial está actualmente inmersa na negociación dun Plan de ordenación de recursos humanos que, de acordo co calendario pactado a finais de marzo, será o principal asunto a abordar no seo deste órgano ao longo de 2023.

Comentarios