Sanidade

Persoal médico na Galiza pon fin á folga após alcanzar un acordo coa Xunta

O acordo alcanzado co comité de folga abordarase esta quinta feira na Mesa Sectorial, principal órgano de negociación coa Administración onde están representados outros cinco sindicatos (CIG, CCOO, CSIF, Satse e UXT) pero non a CESM.
Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Edificio da Consellaría de Sanidade en Compostela. (Foto: Europa Press)

A reunión entre a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) e a Consellaría de Sanidade saldouse cun acordo para pór fin a unha folga de facultativos que durou en total nove días, entre o 11 e o 19 de abril.

O documento asinado consta de oito puntos que recolle unha suba do prezo das gardas e dos sábados, tamén aos MIR, e que se xeneralice a cobranza do complemento específico de modo que poidan percibilo tamén os facultativos que exercen na pública e na privada -uns 1.400, segundo cálculos de CESM-.

O acordo alcanzado co comité de folga abordarase esta quinta feira na Mesa Sectorial, principal órgano de negociación coa Administración onde están representados outros cinco sindicatos (CIG, CCOO, CSIF, Satse e UXT) pero non a CESM. Reunirase a partir das 10 da mañá.

O encontro desta cuarta feira arrincaba ás 17 horas da tarde na sede administrativa do Servizo Galego de Saúde (Sergas), en Santiago de Compostela.

Prolongouse até pasadas as 23 horas da noite, despois de que ambas as partes asinasen a acta dun acordo con oito puntos -aínda que a táboa reivindicativa do sindicato contaba dunha trintena- que afectarán tanto a Atención Primaria como Hospitalaria.

Ao finalizar, o secretario xeral de CESM Galicia, Enrique Marra-López, compareceu ante os medios para valorar a "ardua negociación" desenvolvida que serviu para desconvocar o paro: "Mañá [por est quinta feira] volve todo á orde lóxica e normal".

Tamén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que estivo presente no encontro xunto coa xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e a directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña, celebrou a "boa noticia" de conseguir este pacto para que os profesionais do Sergas vexan "melloradas as súas condicións laborais e económicas".

Maior retribución

O texto consensuado recolle un aumento das retribucións das gardas, tanto cando o médico estea presente no seu posto de traballo ou simplemente teña que estar localizado. Tamén se aplicará aos MIR.

Neste contexto, o titular de Sanidade da Xunta tamén avanzou que se habilitará un módulo específico para aqueles facultativos que fagan máis de cinco gardas. De tal modo, a quinta terá "un prezo maior".

En canto aos sábados, pasarán a retribuírse aparte a través dun módulo específico, dunha forma "similar ás gardas", segundo dixo o secretario xera de CESM Galicia.

Así mesmo, aprobarase un módulo para facultativos maiores de 55 anos e, na liña das conversas co resto de sindicatos na Mesa Sectorial, os días 24 e 31 de decembro pasarán a ser de especial consideración.

Comentarios