Traballadores de Alcoa e auxiliares bloquean os accesos á factoría

O alcalde de Xove calcula que a diferenza entre o que pide Alcoa pola factoría de San Cibrao e o que ofrece Liberty ascende a "entre 40 e 50 millóns de euros".

Alcoa (comité)
photo_camera (Foto: Comité)

Centos de traballadores e traballadoras de Alcoa e auxiliares cortan desde as sete da mañá as entradas á factoría de San Cibrao, unha acción que se leva a cabo tras a negativa da multinacional a permitir a venda da fábrica e seguir así co proceso de despedimento de máis de 500 operarios.

“Non se permite o acceso a ninguén”, sinalaron representantes do persoal a EFE. Os traballadores e traballadoras defenden unha intervención da fábrica e cargan con dureza contra Alcoa.

Inciden na necesidade de evitar que se apaguen as cubas de fundido do metal, o que significaría a fin do proceso produtivo.

O presidente do comité de empresa da planta de Alcoa en San Cibrao, José Antonio Zan, insistía esta segunda feira en que a representación dos traballadores e traballadoras non negociará a aplicación de "ERTE nin ERE" coa empresa, ao ver o proceso "fraudulento", e non desbotou acudir aos xulgados se esta aposta polos despedimentos.

A negociación para a venda de Alcoa tiña data de caducidade. O pasado 13 de agosto, os sindicatos e a multinacional acordaron ampliar en seis semanas os prazos do proceso de consultas iniciado en maio deste ano para o despedimento de 534 traballadores da planta de aluminio primario de San Cibrao (Cervo). 

Diferenza de 40 millóns

O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, estima que a diferenza entre o que pide Alcoa pola factoría de San Cibrao e o que ofrece  Liberty ascende a "entre 40 e 50 millóns de euros". Ademais, o rexedor reclama un "esforzo" do Goberno estatal e a Xunta para a continuidade dos empregos.

Por iso, manifestou que "o custo social é moito máis importante e o que deixaría de ingresar o Estado a través da Seguridade Social ou o custo que ía ter en seguros de desemprego é moi superior a esa cantidade". "O custo sería moi superior á cantidade que diferencia as posturas entre Alcoa e  Liberty", reafirmou.

Comentarios