Dez anos en defensa do mundo rural galego

A Federación Rural Galega (Fruga) pecha en Lugo a súa terceira asemblea cunha homenaxe aos fundadores das Comisións Labregas e o reto de seguir loitanto "por un cambio que defenda os intereses do rural galego".

 

fruga 10 anos
photo_camera O presidente da Fruga durante a súa intervención na asemblea.

A Federación Rural Galega (Fruga) levou ao Pazo de feiras e Congresos de Lugo a conmemoración do seu décimo aniversario. Baixo o lema Dez anos na defensa do rural galego, o sindicato agrario abordou o presente e o futuro da organización no transcurso da súa terceira asemblea, após abordar tamén a traxectoria do colectivo.

A Fruga debateu e aprobou os catro relatorios previstos na orde do día, referidos á loita agraria da organización ao longo da última década, á actualización do seu programa de traballo, ás expectativas de futuro e á renovación dos seus estatutos, unha modificación formal obrigada tamén polo paso dos anos.

A asemblea renovou a xunta directiva da Fruga coa incorporación de 14 caras novas ao órgano principal de goberno. Con todo, Xurxo Álvarez permanece como presidente; Manuel Dacal, como coordinador; Elías Somoza, como coordinador de gandaría; Roberto Rivas, do sector vitivinícola; Gabriel López, de ecoloxía e horta; ademais da incorporación de Iván Bello Ferreiro como adxunto á secretaría.

Cambio polo rural galego

Son os nomes de referencia para abordar o traballo máis inmediato e coordinar a loita agraria dos próximos anos. Unha encomenda complexa a teor da situación que atravesa o rural galego, agravada polas políticas de abandono dos últimos anos, explica Manuel Dacal a Nós Diario, pouco antes de clausurar a xornada.

"Seguiremos traballando na defensa do sector co obxectivo de mudar as políticas de abandono impostas polo Goberno do Partido Popular".

"O noso primeiro empeño será conseguir que a Administración galega nos recoñeza como interlocutores válidos a todos os niveis para abordar os problemas e as melloras do rural galego", incide. "Pasaron 18 anos desde as últimas eleccións nas cámaras agrarias, e a realidade das organizacións, do rural, e dos homes e mulleres que agora mesmo se dedican ao agro e á produción gandeira mudou moito".

Porén, insite o coordinador da Fruga, "seguiremos traballando na defensa do sector co obxectivo de mudar as políticas de abandono impostas polo Goberno do Partido Popular desde que retomou o poder e de reverter o impacto destrutivo que teñen no rural". Neste sentido, Dacal avoga por "propiciar un cambio" que favoreza unha nova consideración do rural e da vida agraria, capaz de favorece os intereses.

Homenaxe

O xantar e a sobremesa, após a asemblea, estiveron dedicadas á memoria das persoas precursoras do movemento agrario contemporáneo galego, nomeadamente á figura de Emilio López Pérez, Milucho, un dos fundadores de Comisións Labregas, que tamén foi deputado autonómico co BNG e delegado de Medio Rural en Lugo durante o bipartito.

O recoñecemento aos pionerios do agrarismo nacionalista do século XX, contou con palabras de agradecemento e agasallos dedicados, elaborados para a ocasión: un poema de Lois Diéguez, un deseño histórico a cargo de Xosé Lois González, O Carrabouxo, que representa un dragón de dúas cabezas -a cota empresarial e a cota do leite- contra o que loita Milucho cunha fouce e un cesto nas mans, e unha insignica artesanal, en madeira, co anagrama das Comisións Labregas orixinais.

 

Comentarios