Fruga celebra dez anos de loita agraria

A Federación Rural Galega (Fruga) realizará o vindeiro sábado 1 de febreiro a súa III Asemblea Nacional en Lugo (10.30 horas no Pazo de Exposicións e Congresos de Lugo). A organización agraria nacionalista deu os seus primeiros pasos en 2009, recollendo unha traxectoria previa de defensa das labregas e labregos do país. Agora olla cara ao futuro facendo unha análise das novas problemáticas do rural.  
O coordinador xeral de Fruga, Manuel Dacal (dereita) e o coordinador de Fruga en Lugo, Elías Somoza (esquerda).
photo_camera O coordinador xeral de Fruga, Manuel Dacal (dereita) e o coordinador de Fruga en Lugo, Elías Somoza (esquerda).

Dez anos e algúns meses pasaron desde que naceu Fruga. O seu coordinador, Manuel Dacal, lembra a Nós Diario que as razóns para crear esta organización agraria xurdiron, daquela, das circunstancias deses anos. "Algo determinante para crearmos Fruga fora que na Galiza había asociacións que actuaban en distintos ámbitos do rural que decidiron unir o seu traballo e aproveitar as sinerxías", explica. Estas entidades trataban temas como o sector vitivinícola, o lácteo ou o aproveitamento dos montes. "Daban unha visión xenérica da realidade do país", engade.

Outra das circunstancias era o factor en común que tiñan todas estas asociacións. "Non se sentían representadas por ningunha das organizacións existentes naquel momento na nosa terra, sobre todo pola dependencia que tiñan de estruturas e organizacións estatais", relata Dacal, que engade que “non valoraban a autorganización das clases populares, neste caso das labregas e labregos que temos no noso rural”.

A asemblea fundacional fora o 28 de novembro de 2009 no mesmo lugar onde vai ter lugar a terceira. 

O coordinador de Fruga asegura que comezar este proxecto "non foi produto de catro iluminadas ou iluminados, nin de xente que non tiña nada que facer, recollemos a tradición anterior". En Fruga non deixan de explicar que os alicerces da súa estrutura teñen como base o agrarismo galego de finais do século XIX a principios do XX truncado polo golpe de Estado de 1936 que se recuperou nas loitas de finais dos 70 e principios dos 80. "Nós bebemos desa tradición e queremos deixar constancia de que Fruga non é unha cousa espontánea, é a evolución lóxica dese proceso", asegura a Nós Diario.

Fitos dunha traxectoria

Manuel Dacal lembra varios momentos nos que Fruga foi de suma importancia para o agro galego. "Mesmo antes de nacer fomos requiridos na Limia pola xente do sector da pataca por un conflito nunha zona de especial protección de aves (ZEPA) que a Consellaría de Medio Ambiente quería implantar sen ter en conta os sectores produtivos da Limia e a poboación en xeral", explica. Nese conflito desde Fruga conseguiron que non fora adiante tal e como estaba previsto e se tivera en conta a opción dos habitantes desa comarca. "Estivemos presentes en moitos máis temas, desde a loita polos prezos do leite até agora mesmo coa plataforma de Mina de Touro-O Pino Non que conseguiu botar fóra ese proxecto", asegura, "hai toda unha tradición de traballo da que estamos moi orgullosos", engade.

Un futuro difícil para o rural galego              

Na III asemblea haberá catro relatorios que falarán da traxectoria desta organización, actualización do programa de traballo, expectativas de futuro e, por último, da actualización dos estatutos. "Para o futuro o noso traballo será moi complexo", afirma Dacal. En poucos anos a situación do rural galego empeorou de maneira exponencial. "Hai un devalo profundo do mundo rural cunha diminución da poboación, non só da activa senón da que vive no rural", sinala o coordinador de Fruga. Explica que cando comezou no mundo agrario en 1988 había 90.000 explotacións de leite, "hoxe en día só hai 7.000". As cifras son abraiantes: cada día que pasa pechan 50 explotacións, unha perspectiva non moi boa.

"O futuro do rural, como o futuro do país, hai que enfocalo desde un punto de vista político" asevera Dacal, "ou hai un cambio de rumbo político ou con esta política do PP as cousas serán complicadas", engade.

En Lugo a III Asemblea Nacional de Fruga contará coa súa parte de memoria do movemento agrario contemporáneo galego. Ao remate da mesma, após a elección dunha nova xunta directiva, que terá lugar un xantar-homenaxe lembrará ás persoas precursoras do agrarismo nacionalismo do século XX na figura de Emilio López Pérez, 'Milucho'.

Comentarios