Emilio López Pérez, 'Milucho': "Un movemento de liberación sempre ten que perder o medo"

A Federación Rural Galega (Fruga) rendirá este sábado 1 de febreiro, no transcurso da súa III Asemblea Nacional, unha homenaxe ás precursoras e precursores do agrarismo nacionalista na figura de Emilio López Pérez, "Milucho". Nós Diario fala con el entre a memoria e a actualidade.

Emilio López, Milucho (M.)
photo_camera Emilio López, Milucho (Nós Diario)

Vostede foi protagonista nos momentos contemporáneos máis álxidos das loitas agrarias. Como se chega a organizar un rural como o noso cando que hai quen di que é individualista?

Esa idea de que no rural hai individualismo non é tan certa. Na nosa propia cultura aparecen os traballos que fai a xente en colaboración como os Montes Veciñais en Man Común e fálase tamén no noso folclore. Por poñer un exemplo de traballo colectivo teriamos nos últimos anos do franquismo a apertura de corredoiras para que puideran pasar os autos.

O primeiro que hai que facer dun pobo é recoller aquelo bo que ten, como no noso caso a unidade. A palabra unión foi unha verba que sempre estivo aí como máxica. Desde o primeiro momento que comezamos coa loita da cota empresarial e despois coas cotas do leite. Non se dicía "o meu prezo" ou "o meu interese", sempre se dicía "o noso".

Para organizarse desde que se traballou na clandestinidade coas Comisións Labregas recoñeceuse que facía falta certo empuxe, certa colaboración de xente vinculada ao agro galego mais con medios para comezar a traballar.

Un movemento de liberación ou un movemento social sempre ten que perder o medo. Toda ditadura, toda opresión, sexa de antes ou de agora, tivo sempre o fondo do medo. Daquela a xente tivo capacidade de crer que tiña dignidade abondo, capacidade de unirse. Perdera o medo a defender o seu país. Labregas e labregos sempre tiveron clara a idea de que como vivirían nas cidades se faltaban eles.

Vostede participou nun Goberno galego. Que lembra daquela experiencia? Hai marxe na Xunta para mudar a situación no agro?

Cando entramos pensaba que sendo como son os poderes fácticos, os aparatos ideolóxicos e propagandísticos que ten o sistema anularía a nosa capacidade e sería moi difícil. Non obstante ao pouco tempo decateime que unha administración pública, por moito que domine o diñeiro, ten unha serie de resortes, de medios, coñecementos e contactos que pode transmitir á xente a confianza de que poden darse cambios. Pode informar e chegar a moitos sitios.

A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios