Detidas catro persoas en Lalín acusadas de trata de seres humanos con fins de explotación laboral

"Traballaban 12 horas ao día sen descanso", aseguran fontes da Garda Civil ao tempo que aseguran que non contaban coas "condicións mínimas de saúde laboral".
Un axente da Garda Civil (Foto: Nós Diario).
photo_camera Un axente da Garda Civil (Foto: Nós Diario).

Axentes da Garda Civil detiveron un total de catro persoas e investigan outras tres en relación cun delito de trata de seres humanos con fins de explotación laboral na comarca do Deza.

A investigación, bautizada como ‘Operación Pitangus’, levou a cabo por parte do Equipo de Policia Xudicial da Garda Civil de Lalín e por efectivos do Grupo de Información da Comandancia de Pontevedra. Ademais das detencións, levouse a cabo un rexistro nun inmóbel de Lalín, e non se descartan novos arrestos.

As pescudas iniciáronse en agosto do ano pasado, cando un cidadán búlgaro interpuxo unha denuncia. Segundo relataba, un empresario da comarca do Deza, dedicado á limpeza de granxas porcinas e avícolas, empregaba cidadáns estranxeiros en situación laboral e en condicións que vulneraban os seus dereitos.

Os axentes realizaron varias inspeccións e constataron a existencia de traballadores estranxeiros, sen contrato e en situación irregular en varias granxas. Moitos deses traballadores chegaran a Lalín por mediación dese empresario, que os atraía con ofertas suculentas de emprego.

Cando chegaban, o empresario prometíalles que se traballaban para el facilitaríalles documentación para legalizar a súa situación e daríalles de alta na Seguridade Social. Con todo, cando xa estaban a desempeñar as tarefas, non cumpriu as súas promesas, alegando que lles facía "un favor" dándolles traballo e lembráballes a súa situación irregular.

Nas últimas horas a Garda Civil fixeron un rexistro no domicilio do xefe da trama, onde se localizaron 50.000 euros en efectivos e diversa documentación.

Condicións “abusivas”

As vítimas atopábanse en condicións laborais abusivas, traballaban de luns a domingo máis de 12 horas diarias, sen descanso; non dispoñían de vacacións nin das condicións mínimas de saúde laboral; e non contaban con elementos de seguridade e protección para facer o seu traballo, e iso a pesar de utilizar produtos desinfectantes e corrosivos.

A organización dispoñía de varios pisos en Lalín, onde tiñan aloxados aos traballadores para telos controlados en todo momento. Trátase de persoas en situación de necesidade e vulnerabilidade económica.

Ante estes feitos, a Garda Civil activou o Protocolo de Protección de Vítimas de Explotación e informouse aos prexudicados dos seus dereitos, entre eles, ser derivados a recursos asistenciais e de aloxamento.

Comparecencia no xulgado

Un dos detidos nesta investigación foi posto en liberdade esta quinta feira en sede policial, tras tomarlle declaración, mentres que os outros 3 arrestados pasaron esta sexta feira ao dispor do xulgado de instrución número 2 de Lalín.

Os tres están investigados xudicialmente por suposto delito de trata de seres humanos, delito contra os dereitos dos traballadores, coaccións e favorecemento da inmigración ilegal.

Comentarios