Traballadoras de ABC Live denuncian xornadas de 12 horas e atrasos na nómina

O xantar proporcionado pola empresa consistía nunha "chocolatina".
O Regaaeton Beach Festival, cuxos escenarios montou a empresa ABC Live Experience, tivo lugar en Nigrán o pasado mes de agosto. (Foto: Reggaeton Beach Festival)
photo_camera O Regaaeton Beach Festival, cuxos escenarios montou a empresa ABC Live Experience, tivo lugar en Nigrán o pasado mes de agosto. (Foto: Reggaeton Beach Festival)

ABC Live Experience é unha empresa que se dedica á creación, produción e execución de eventos no Estado español. Entre os servizos que ofrece encóntrase  a montaxe de escenarios para grandes eventos como festivais. Na Galiza, esta empresa foi contratada para o festival Reggaeton Beach Festival, que tivo lugar en Nigrán, e para un concerto do grupo Imagine Dragons, en Compostela.

Esta empresa xa viña recibindo críticas por parte de ex traballadoras e ex traballadores que a acusaban de pagar o salario con moito atraso e de non garantirlles condicións laborais dignas. Este verán repetíronse as queixas. C. N. (prefire non desvelar o seu nome) estivo a traballar no Reggaeton Beach Festival en Nigrán e manifesta a este xornal que "desde a empresa aseguráronme que a tardanza nos pagos fora algo puntual e que non iamos ter problema".

As condicións laborais ficaron claras, segundo C. N. xa nos primeiros días de traballo: "Cando chegamos a Nigrán para montar os escenarios, en ningún momento nos ofreceron aloxamento, de feito tivemos que durmir no coche. Tampouco nos deron comidas decentes", relata, sinalando que para xantar dábanlles "un Kinder Bueno e medio sándwich".

Sobre as xornadas laborais, a testemuña deste traballador revela as "pésimas" condicións en que se viron obrigados a exercer o seu labor: "O primeiro día entrei ás 8 da mañá e saín ás 20 horas e houbo xente que aínda tivo que facer máis horas que nin sequera lles foron pagadas como horas extras, algo que obviamente tamén é ilegal", asevera.

"De tres da tarde a tres da madrugada"

Tamén en declaracións a Nós Diario, D. P. (outro traballador que tampouco quere desvelar o seu nome) relata que na montaxe do concerto de Imagine Dragons eu fixo "de media entre 10 e 12 horas diarias". O propio día do concerto "tiven que traballar de tres da tarde a tres da madrugada", afirma.

"Na desmontaxe do escenario houbo compañeiros que tiveron que marchar porque lles dera unha insolación e até sufriran queimaduras de segundo grao", manifesta D. P., que tamén aproveitou para indicar que "a prevención de riscos era moi deficiente".

Os pagamentos

O concerto de Imagine Dragons tivo lugar a principios xullo e o Reggaeton Beach Festival foi a finais do mesmo mes. A pesar de que a empresa asegurara aos cadros de persoal que pagaría en tempo, iso non foi así.

Segundo relata C. N., no caso do festival de Nigrán, o pagamento "non se realizou até finais do mes de setembro", o que supón un atraso no pagamento de dous meses. Ademais, D. P. relata que cando a empresa lle fixo o pagamento polo concerto de Imagine Dragons cobrou "mes e medio máis tarde e aínda por enriba débenme 40 euros do que se supuña que me ían pagar, nin sequera me pagaron ao completo".

Traballadoras e traballadores nestes eventos formaron un grupo de WhatsApp para tratar posíbeis accións legais contra a empresa e estudar mobilizacións sociais para denunciar as condicións laborais en que desenvolveron o seu traballo.

Acusacións de machismo na web da empresa

Na propia páxina web da empresa ABC Live Experience, concretamente na sección de 'persoal' pódense ver os diferentes postos que ofertan. Segundo algúns usuarios da web, nesta sección reprodúcense estereotipos machistas xa que para postos de traballo como 'xerente' ou 'encargado' é a figura dun home os que os representa. Porén, postos como 'azafata' ou 'modelo' aparecen representados pola figura dunha muller.

Comentarios