Denunciada unha empresa de Vigo por explotación laboral a migrantes

Unha traballadora alertou de que a compañía de asistencia sociosanitaria a domicilio que a empregaba incorría en prácticas abusivas. Posteriormente detectáronse máis casos do mesmo perfil: muller estranxeira en situación irregular, traballando todo o día, os sete días da semana, por un salario "ínfimo" e sen dar de alta na Seguridade Social.
Detectouse unha trintena de casos após a denuncia dunha traballadora. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Detectáronse unha trintena de casos após a denuncia dunha traballadora. (Foto: Nós Diario)

A Policía Nacional está a investigar unha empresa de Vigo por suposta explotación laboral a máis dunha trintena de traballadores estranxeiros que na súa maioría estaban en situación irregular no Estado español.

Segundo trasladaron fontes policiais, a investigación iniciouse tras a denuncia dunha cidadá, que alertaba sobre as condicións laborais nas que traballara nunha compañía dedicada á asistencia sociosanitaria a domicilio.

A vítima relataba unhas condicións abusivas nas que traballaba coidando a persoas maiores dependentes nos seus fogares. A partir de aí, puidéronse detectar máis persoas afectadas por esta situación que presentaban un perfil semellante: muller estranxeira en situación irregular, traballando todo o día, os sete días da semana, por un salario "ínfimo" e sen dar de alta na Seguridade Social.

"A investigación pon en evidencia a precaria situación dos traballadores e as condicións de traballo. Tratándose dunha empresa dedicada a prestar servizos sociosanitarios a persoas dependentes nos seus domicilios, non facilitaba ningún tipo de medida de protección para as persoas traballadoras", apuntaron desde a Policía.

E, ademais, sinala que as traballadoras comezaban a traballar "sen os coñecementos profesionais nin formación necesaria para levar a cabo as súas tarefas, pondo en risco tanto a traballadores como a pacientes vulnerábeis", engadiu a Policía.

Coa colaboración de Inspección Provincial de Traballo, realizáronse diversas actuacións en domicilios, co fin de comprobar a ocupación e o traballo do persoal da empresa investigada, dando como resultando a detección de que máis dunha trintena de persoas estiveron traballando para esta compañía en condicións de precariedade laboral e sen contrato.

Por todo iso, á persoa que dirixe a empresa impútanselle varios delitos contra os dereitos dos traballadores, intrusismo e contra a Facenda pública e Seguridade Social.

Comentarios