Xornadas de 14 horas diarias de segunda feira a domingo: máis de 60 mulleres denuncian explotación laboral en Castroverde

O Goberno local adxudicou a esta empresa o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), malia que o alcalde afirma que "no que lle compete ao Concello estaba todo en regra".
A Xustiza investiga a dona da axencia que as contratou e mais a súa filla. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A Xustiza investiga a dona da axencia que as contratou e mais a súa filla. (Foto: Nós Diario)

Xa son máis de 60 as denuncias de vítimas da suposta trama de explotación laboral que operaba mediante unha axencia que atendía persoas maiores, doentes e con algunha discapacidade en Castroverde, malia que as damnificadas poderían ser aínda máis, e mesmo chegar ao centenar, tal e como confirmou a Europa Press un dos avogados, responsábel da defensa de 25 delas.

Boa parte das afectadas son mulleres de orixe suramericana, sen papeis, algunhas das cales xa prestaron declaración ante o xulgado que leva a investigación, o de Instrución número 3 de Lugo. Tamén o fixeron as cinco investigadas polo artigo 311 bis do Código Penal —empregar cidadáns estranxeiros ou menores de idade que carezan de permiso de traballo—, que se acolleron ao seu dereito a non declarar.

Así o ratificou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) esta quinta feira, que indicou que "a instrución do caso segue aberta, pois quedan algunhas dilixencias por practicar" e que, polo momento, o número de vítimas está sen concretar.

O avogado comentou a este respecto que é posíbel que algunhas das afectadas non se atrevan a presentar denuncia. As vítimas serían supostamente utilizadas por unha axencia para dar atención a persoas maiores, enfermas e con discapacidade, con até 12 e 14 horas diarias de traballo por un salario de entre 600 e 1.000 euros, de segunda feira a domingo, e cobraban en man.

Entre as investigadas atópanse a dona da axencia, de 48 anos, e a súa filla, de 27, ambas as responsábeis da empresa sociosanitaria sita no municipio de Castroverde, aínda que elas residen no concello limítrofe de Baleira.

Sociedade en liquidación

O letrado consultado tamén avanzou que a compañía entrou en liquidación, o que podería chegar a supor un delito de alzamento de bens se se demostra que entrou no proceso cando, legalmente, xa non podía facelo. Desta forma, entende o representante legal das vítimas, cubriríanse as costas ante posibles indemnizacións por responsabilidade civil.

Servizo de axuda no fogar

A esta empresa adxudicou o municipio de Castroverde o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), aínda que o seu alcalde, Xosé María Arias, aseguraba hai uns días que "no que lle compete ao Concello non hai nada, estaba todo en regra". "Outras cousas son cousas nas que non me podo meter como poidan ser empresas paralelas", agregaba.

Tamén se pronunciou, esta mesma quinta feira, o delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, que asegurou que espera "resultados" da investigación. Miñóns sinalou que agarda, como con "todas as investigacións que están en marcha", que haxa "resultados da mesma". "Hai que deixar que fagan o seu traballo as forzas e corpos de seguridade do Estado", sentenciou.

O delegado non quixo entrar en se podería ser maior o número de persoas explotadas laboralmente ou non, senón que se limitou a afirmar: "Cando teñamos máis información, trasladarase".

Comentarios