Denuncian a empresa do Rosal Depósitos Coballes por "acoso sindical"

O comité de empresa de Depósitos Coballes inicia esta quinta feira mobilizacións para denunciar "acoso sindical" e en protesta polas deficiencias en materia de saúde laboral que, aseguran, ten esta compañía nas súas instalacións do polígono do Viso, no Rosal. 
Exterior das instalacións da empresa Depósitos Coballes no Rosal (Nós Diario)
photo_camera Exterior das instalacións da empresa Depósitos Coballes no Rosal (Foto: Nós Diario)

A sona de determinadas marcas empresariais non sempre vai parella ao trato laboral do seu cadro de persoal. Depósitos Coballes podía ser un caso, segundo afirman desde o seu propio comité de empresa. A factoría que teñen no Rosal vivirá esta quinta feira unha xornada de mobilizacións que se iniciará cunha marcha que rematará, pasadas as 11 horas, diante mesmo das instalacións que ten no polígono industrial do Viso. A razón é, segundo explican nun comunicado, o "acoso laboral ao que está sometido o persoal que apoiou a central nas eleccións sindicais ou que é membro do comité". 

Depósitos Coballes, unha das empresas máis importantes do Estado español en fabricación de acumuladores de auga corrente sanitaria, factura, segundo algunhas fontes, perto de dous millóns de euros e conta na actualidade cun cadro de persoal composto por 70 operarias e operarios. 

Os problemas coa representación sindical veñen de lonxe, segundo explica a Nós Diario Mercedes Dominguez, da CIG-O Porriño. "Non queren ter representación sindical", resume a sindicalista. Malia todo, esta central sindical conseguiu ter toda a representación no comité coa excepción dun delegado independente. 

Os problemas, segundo explica Domínguez, comezaron antes das eleccións e despois de negociar un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) derivado da crise causada pola Covid-19. A empresa despediu o traballador máis activo días antes da presentación do preaviso do proceso electoral co obxectivo, segundo a CIG, de evitalo.

O Xulgado do Social de Vigo resolveu a favor do traballador, declarando a improcedencia do despido e obrigando a pagarlle a correspondente indemnización. Malia a presión exercida, conseguiuse formar o comité, ao que a empresa contestou cun intento de revogación antes de comezar o seu funcionamento como tal.

Negociacións a través de Asime

Entre as denuncias de acoso laboral e a imposibilidade de que o comité faga o seu traballo, a central solicitou o pasado mes de febreiro unha medición a través do Acordo Interprofesional sobre Procedementos Extraxudiciais de Solución de Conflitos de Traballo (AGA) coa intención de dar normalidade ás negociacións coa empresa. A raíz desta solicitude, a patronal Asime convidou os responsábeis comarcais da CIG-Industria de Vigo a unha reunión o pasado 22 de febreiro.

Antes da xuntanza as accións contra o comité intensificáronse con dous despedimentos e expedientes disciplinarios ao comité. Por este motivo, decidiron iniciar as mobilizacións e non descartan ir a folga. Nós Diario tentou obter declaracións da empresa a través da propia Asime, mais sen resultado.

Denuncian carencias en saúde laboral

Nas demandas sindicais está mellorar a seguridade laboral. Denuncian que na empresa traballan con ácidos "sen ter un lugar habilitado e sen contar cun sistema de evacuación" deses compostos químicos. Outro dos temores é que cada oito días soben ao tellado da nave para limpala "e non é unha acción practicábel". Unha das sancións aos traballadores foi por alertar deste perigo. "Tamén está o tema de tóxicos por non ter cabinas de soldado en condicións e non evitar o perigo de intoxicación, sen contar que ademais é canceríxeno", di esta sindicalista.

As eivas que denuncia o comité teñen tamén relación co inxectado de poliéster, que se realiza nos depósitos empregados para auga quente e "desprenden unhas partículas sen ter un sistema de extracción seguro". Por último, denuncian que os depósitos son enormes e móvenos á man cando os soldan, "co conseguinte esforzo diario que se engade cada xornada". 

De todas estas situacións ten constancia, segundo a central sindical nacionalista, a propia Inspección de Traballo, aínda que, segundo a CIG, "polo de agora non actuou". Esta semana engadiron outra denuncia específica para que actúen no ámbito da saúde laboral.

Comentarios