mércores 14/04/21

O metal galego recupera paulatinamente a actividade

Só 12% das empresas traballa por baixo de 50%
Enrique Mallón, secretario xeral de Asime. (Foto: Nós Diario)
Enrique Mallón, secretario xeral de Asime. (Foto: Nós Diario)

Coas negociacións do novo convenio do sector en punto morto, a Asociación de Industrias do Metal (Asime) vén de presentar un informe sobre o impacto da Covid-19 nas empresas metalúrxicas.

Este documento, elaborado a partir dos datos dun estudo entre as súas máis de 600 firmas asociadas, destaca que todo o sector se atopa aberto e operando na actualidade e que máis de 85% das empresas está a traballar por encima de 50% da súa capacidade. Para o próximo trimestre espérase seguir recuperando o ritmo e só 12% das empresas prevé seguir por baixo do 50% de actividade.

Precisamente a caída de actividade e pedidos e a inestabilidade económica son as maiores preocupacións polo impacto no sector a medio prazo. Unha de cada cinco empresas segue a ter dificultades no relativo a desprazar persoal a terceiros países, acatar corentenas preventivas en destino ou mover mercadorías e recibir certas subministracións.

Protestas

CIG, CCOO e UGT anunciaron a principios de semana a convocatoria dun calendario de mobilizacións ante a ruptura das negociacións para renovar o convenio provincial do metal de Pontevedra.

As tres centrais desenvolverán protestas en Vigo e Valga e levarán a cabo unha asemblea para analizar os intentos da patronal de precarizar aínda máis o sector.

A decisión dos sindicatos chega tras 14 xuntanzas e unha vez que o empresariado rompeu as negociacións “levantándose da mesa e mantendo as súas imposicións e actuando con pasividade e inmobilismo dende o inicio das reunións”.

Por iso, ante a imposibilidade de chegar a acordos “cunha patronal instalada nunhas lóxicas de precarización e empeoramento das condicións de traballo” as centrais apostan por saír á rúa para visibilizar a necesidade que teñen os traballadores do sector “dunha modernización do convenio, con redución de xornada, subrogación, licenzas, limitación dos centros especiais de emprego, acoso laboral, contratación indefinida, categorías, plans de igualdade, dietas, plus de gardas e unha suba salarial acorde o esforzo que os cadros de persoal fixeron durante todo este tempo de pandemia”.

comentarios