domingo 01/08/21

Denuncian a existencia de contratos “en fraude de lei” entre operarias da atención á Covid-19 da Xunta

Acusan a Universal Support (do grupo Konecta) de ter en “condicións precarias” ás a aos seus traballadores, que atenden tanto o número de información sobre o coronavirus como a liña contratada polo Goberno galego para facer o rastrexo dos contaxios.

Un centro de atención de chamadas, nunha imaxe de arquivo. (Foto: CIG)
Un centro de atención de chamadas, nunha imaxe de arquivo. (Foto: CIG)

Representantes sindicais do persoal de Universal Support, integrada no grupo Konecta, acusa á empresa de manter unhas condicións de traballo “precarias” e mesmo con “contratos en fraude de lei” mentres atenden un dos servizos máis básicos da pandemia: o centro de chamadas para fornecer información á cidadanía galega e para realizar os rastrexos dos contaxios.

Segundo afirmou esta terza feira a sección sindical da CIG na compañía, após a contratación pola Xunta para atender necesidades derivadas da pandemia da Covid-19, malia que a transparencia cos datos “é escasa, sábese que unha parte importante das persoas que prestan o servizo están en fraude de lei”.

Xustifican esta acusación destacando que a marca de Konecta ten contratadas máis persoas “cun contrato eventual por circunstancias da produción”, cando nun centro de chamadas ou call center esa modalidade laboral só pode ser continuada durante un máximo de catro meses.

A moratoria sería unha como máximo, pero sempre sen pasar desa limitación temporal. Pola contra, a CIG di que “hai gran cantidade de traballadores e traballadoras que renovan mensualmente o seu contrato coa modalidade máis precaria, e que xa superaron eses catro meses sen que se lles cambie o contrato a un de obra ou servizo, como correspondería".

Desde o punto de vista da representación das e dos operarios isto responde a unha estratexia para contar co persoal “libremente” e poder despedilo “con facilidade cando diminúa o traballo, sen cumprir as formalidades reservadas para o contrato de obra”.

De feito, aseguran que iso xa sucedeu coa terceira vaga da pandemia, pois houbo máis de 150 contratacións das que moitas quedaron rescindidas ás tres semanas.

Falta de "transparencia"

Cando a CIG se dirixiu a empresa para tratar esta irregularidade, a dirección "deu a calada por resposta e non amosou ningunha disposición a modificar esta práctica". No entanto, a sección sindical ve “intolerábel que nunha campaña de tanta transcendencia social” e con tanta responsabilidade por parte da administración galega se permitan “prácticas claramente prexudiciais” para o persoal.

Así mesmo, criticou que foi “unha campaña adxudicada a Universal Support pola Xunta sen transparencia e na que a información facilitada pola empresa ao comité foi practicamente nula dende un principio”.

comentarios