Ánxela Fernández, próxima alcaldesa do Rosal

“A veciñanza decidiu abrir un tempo novo no Rosal e apostou en nós”

Ánxela Fernández será aos seus 26 anos a alcaldesa do Rosal após o BNG obter a maioría absoluta nas urnas. Trátase dun fito histórico neste municipio, onde UCD primeiro e logo PP retiveron sempre nas mans da dereita española o bastón de mando.

Ánxela Fernández O Rosal
photo_camera Ánxela Fernández

O sábado 15 de xuño constituiranse os consistorios de toda Galiza e Ánxela Fernández converterase nunha das alcaldesas máis novas da nación aos seus 26 anos de idade. Implicada desde cativa no asociacionismo cultural e no mundo da música, estudou na Universidade de Vigo, onde se graduou en Economía e realizou un mestrado en Finanzas. Non chega de cero ao consistorio, pois conta con experiencia municipal tanto polo seu coñecemento das problemáticas dos barrios e parroquias como pola súa condición de concelleira durante a metade do anterior mandato cando se incorporou ao grupo municipal do BNG após unha renovación no mesmo. O pasado 26 de maio as urnas do Rosal deron a maioría absoluta ao Bloque, pasando das 3 actas alcanzadas en 2015 a contar agora con 7, fronte un PP que baixa de 8 a 5 e o PSdeG que de 2 a 1. Sermos Galiza conversa sobre as prioridades da alcaldesa nacionalista para O Rosal.

Os resultados do 26 de maio dan por primeira vez o goberno ao Bloque e ademais acontece mediante unha maioría absoluta. Que supón este logro?

A maioría da veciñanza decidiu abrir un tempo novo no Rosal e apostou en nós, que levabamos tempo traballando para propiciar unha mudanza

Para nós supón que gañou o cambio. A maioría da veciñanza decidiu abrir un tempo novo no Rosal e apostou en nós, que levabamos tempo traballando para propiciar unha mudanza e unha transformación no concello. Acabamos así cunha longa tradición no Rosal en que desde 1936 sempre gobernou de maneira ininterrupida a dereita.

Cales cres que foron as claves do respaldo nas urnas?
A clave estivo nese traballo de meses e meses co asociacionismo e o conxunto da veciñanza. Sempre acreditei na necesidade de escoitar de primeira man cales son as preocupacións e problemáticas da xente. No Rosal somos un concello pequeno en número de habitantes mais temos un movemento asociativo moi amplo e activo, polo que realizamos múltiples reunións nos barrios e coas asociacións e, en base a este procedemento, construímos un proxecto para o concello que respondía ás necesidades trasladas pola veciñanza.

Sempre acreditei na necesidade de escoitar de primeira man cales son as preocupacións e problemáticas da xente

Tivemos a capacidade de entender que este podía ser un momento histórico e creamos unha candidatura na que se implicaron persoas de distintos ámbitos (do deportivo, do comunal das augas, do musical e asociativo, do cultural...) con persoas de distintos sectores e idades que antes non tiveran implicación a nivel partidaria nin tampouco nas institucións. Tivemos caras novas e un equipo sólido que traballou moito durante estes meses e que a veciñanza referendou dándonos a maioría absoluta.

Ademais no BNG viñamos de facer de sempre unha oposición en clave construtiva e propositiva para mellorar a realidade veciñal, e iso tamén foi clave.

Cando comezou a túa implicación política?

Hai catro anos o BNG propúxome ir na candidatura das eleccións municipais e eu aceptei porque é a opción política máis necesaria para O Rosal.

Considero que é deber da política mellorar a vida cotiá da xente

Ademais, levo implicada no asociacionismo cultural e musical desde o 6 anos e tamén estudei economía e, precisamente, para min a economía e a política van da man porque ambas tratan a realidade social do día a día, e os concellos son as institucións democráticas que están máis perto da xente nas cousas do diario, e considero que é deber da política mellorar a vida cotiá da xente.

Cales son as principais necesidades que ten o concello?

O grande reto que temos é planificar o futuro do Rosal, cara a onde queremos encamiñar o concello, en base tamén ao presente. Por iso priorizamos planificar e transformar.

O grande reto que temos é planificar o futuro do Rosal, cara a onde queremos encamiñar o concello

Nese sentido, queremos mellorar o noso principal núcleo poboacional e reformar a emblemática praza emblemática de abastos, escoitando a veciñanza e comerciantes. E pouco a pouco irmos mellorando os distintos núcleos e barrios. Imos potenciar o tecido asociativo e visibilizalo, traballar coordinadamente para que todas saibamos as actividades do noso municipio.

Temos ademais un patrimonio natural, arqueolóxico e gastronómico que precisa ser ordenado e planificado. Somos ribeira do Miño, somos mar, somos camiño de Santiago... e todo isto precisa ser relanzado. Contamos tamén con moitos encontros de relevancia no balonmán e noutras disciplinas deportivas que cómpre atender e apoiar. E precisamos tamén un plan de turismo para coñecer o noso e poñelo en valor entre a veciñanza e entre a xente de fóra do Rosal.

Das problemáticas concretas que precisamos solucionar están, entre outras, as augas residuais, a falla de espazos e albergues municipais para a xente que vén facer actividades ao Rosal e a situación de desaproveitamento na que se atopa a ribeira do Miño, que nin sequera conta cun espazo por onde poder pasear.

Muller, moza e galega. Es consciente de que marcas unha referencia desafiando moitas discriminacións ao ser alcaldesa por maioría absoluta?  

Teño exemplos disto moi perto, como son as alcaldesas do Bloque en Tomiño e Moaña.

Cando Sandra e Leticia accederon por primeira vez aos seus gobernos municipais romperon e seguen a romper teitos de cristal

Cando Sandra e Leticia accederon por primeira vez aos seus gobernos municipais romperon e seguen a romper teitos de cristal. Son consciente tamén de que conto cun equipo de persoas con moitas ganas de traballar e con experiencia nos distintos ámbitos competenciais que debe afrontar un concello, polo que asumo esta responsabilidade con confianza e moita motivación.

Comentarios