A CUT apela a facer un exercicio de memoria colectiva: “Onde estaríamos o 10 de marzo de 1972?”

A central sindical concentrouse este domingo en Vigo con motivo do Día da Clase Obreira Galega

Concentración da CUT este domingo en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración da CUT este domingo en Vigo. (Foto: Nós Diario)

“Daniel e Amador non poden converterse, como así está acontecendo, nun símbolo ou fetiche de celebración co cal xustificar que estamos coa clase traballadora”, así comeza o manifesto polo 10 de marzo, Día da Clase Traballadora Galega, da Central Unitaria de Traballadoras (CUT), que este domingo se concentrou na viguesa Porta do Sol baixo o lema “A nosa memoria colectiva”.

“Non se trata de dicir quen pode ou non pode renderlles homenaxe, iso non nos corresponde a nós; trátase de que cada quen faga o simple exercicio ético de cuestionarse onde estaría no ano 72 durante ese día ou incluso cuestionarse se hoxe estamos a traballar a prol da liberación da clase traballadora ou tan só aparentamos facelo”.

Desde a CUT chamaron así a facer un “exercicio de memoria colectiva” e revisar a historia dos últimos cincuenta e dous anos. “Estarían Daniel e Amador, e todas as mulleres e homes que saíron ás rúas, satisfeitas co que temos?”, pregunta a central para a continuación denunciar a situación actual en materia de vivenda, salarios, dereitos laborais e liberade social.

“Hoxe fálannos de que se venceu o fascismo e vivimos en democracia, hoxe din que temos un Goberno de esquerdas e hoxe a xente non ten acceso á vivenda, os salarios non alcanzan para chegar a fin de mes, hai traballadores e traballadoras pobres, temporalidade disfrazada semanticamente cos fixos-descontinuos, unha Lei Mordaza nacida para nos silenciar e reprimir, e unha política de esquerdas dedicada a crear frontes illadas onde lexislar na comodidade sen afrontar en ningún caso o reto transcendental, que non é outro que cuestionar o sistema capitalista”.

Para a CUT, a sociedade actual vive “nun reformismo indecente que só busca a nosa distracción mentres a inxustiza social medra sen fin”.

Loita contra o individualismo

Os feitos acontecidos o 10 de marzo de 1972, lembra, segundo a Central Unitaria de Traballadoras da Galiza “que a forza do colectivo, a solidariedade, son o motor da historia”.

“Tomemos exemplo de aquilo que determinou un cambio cualitativo para todos e todas nós, loitemos contra o individualismo que o capital pretende impór e tomemos as rúas. A clase traballadora temos na mans ser libres ou escravas”.

Comentarios