A Xustiza ordena recoñecer Amador Rey como vítima do franquismo

A Audiencia Provincial da Coruña estimou o recurso de apelación dos tres fillos do falecido e revogou o auto ditado en primeira instancia número 3 de Ferrol, en canto negaba a súa xurisdición para tramitar a declaración de feitos pasados solicitada. A resolución é firme e non cabe recurso.
Protestas do 10 de marzo de 1972 en Ferrol. (Foto: Fundación 10 de marzo)
photo_camera Protestas do 10 de marzo de 1972 en Ferrol. (Foto: Fundación 10 de marzo)

A sección cuarta da Audiencia Provincial da Coruña vén de ordenar ao Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Ferrol que tramite a solicitude de declaración de feitos pasados solicitada por tres fillos dun dos falecidos o 10 de marzo de 1972 en Ferrol, durante unha manifestación no sector naval de persoal da antiga empresa Bazán, na que morreron Amador Rey e Daniel Niebla. E precisamente foron os descendentes de Rey os que levaron o asunto ante a Xustiza.

Á súa solicitude, segundo consta no auto, acompañaban, ademais de diversos certificados, noticias xornalísticas relativas á conmemoración, en anos sucesivos a 1978, do falecemento dos traballadores, entre os que figuraba o seu pai, en manifestacións convocadas durante a ditadura franquista e que foron reprimidas "violentamente" por axentes policiais.

O auto destaca que a nova Lei de Memoria Democrática prevé, no artigo 29, o "dereito á investigación das violacións dos dereitos humanos e o Dereito Internacional Humanitario ocorridas con ocasión da Guerra e a Ditadura, así como o período que vai desde a morte do ditador até a entrada en vigor da Constitución Española". Búscase garantir, así, a "tutela xudicial nos procedementos encamiñados á obtención dunha declaración xudicial sobre a realidade e as circunstancias de feitos pasados determinados relacionados coas vítimas", remarcan os xuíces.

Reparación por parte do Estado

Ademais, a sección cuarta da Audiencia Provincial da Coruña recalca que o artigo 30 "confire ás vítimas da Guerra e a Ditadura o dereito ao recoñecemento e a reparación integral por parte do Estado; e no artigo 48 cítase expresamente o recoñecemento público do carácter de vítima, da súa dignidade, nome e honra".

Desde este ámbito xudicial destácase no auto que "resulta claro que a atribución aos xulgados de primeira instancia para o coñecemento e tramitación das declaracións de feitos pasados como expedientes de xurisdición voluntaria, por moito que poidan vir referidos a accións criminais como aquelas indicadas no presente suposto por referirse á morte de persoas que participaban en manifestacións pacíficas en defensa dos dereitos dos traballadores, é a opción lexislativa máis acorde co fin declarado de recoñecemento e resarcimento das vítimas" pola Lei de Memoria Democrática.

Por último, o tribunal sinala que "non se perseguen os delitos que naquel tempo se cometeron", senón que se estabelece "unha vía de investigación das violacións de dereitos humanos ocorridas durante a ditadura, así como no período que vai desde a morte do ditador até a entrada en vigor da Constitución Española, para asegurar o dereito ao coñecemento da verdade, que foi longamente ocultada, e a tutela xudicial efectiva das vítimas e os seus familiares, que permita a declaración de feitos pasados ante a xurisdición civil".

Con base nestes argumentos, esta sala estimou o recurso de apelación e revogou o auto ditado polo Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Ferrol, en canto negaba a súa xurisdición para tramitar a declaración de feitos pasados solicitada. A resolución é firme e non cabe recurso.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios