Xustiza

Stellantis deberá indemnizar a CUT por "vulnerar" a liberdade sindical

O TSXG condena a compañía viguesa a pagar 30.000 euros ao sindicato tras constatar tres vulneracións do dereito á liberdade sindical.
Liña de montaxe da furgoneta Opel Combo na planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Stellantis)
photo_camera Liña de montaxe da planta de Stellantis en Vigo. (Foto: Stellantis)

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) vén de estimar parcialmente un recurso de suplicación interposto pola Central Unitaria de Traballadores (CUT) contra Stellantis Vigo por vulneración de dereitos fundamentais e da liberdade sindical. En concreto, o TSXG condenou a empresa ao pagamento dunha sanción de 30.000 euros ao sindicato.

O alto tribunal galego declara nulo o acordo individual de teletraballo e acredita tres vulneracións do dereito á liberdade sindical polas que a empresa ten que indemnizar a CUT coa devandita cantidade. A sentenza, que non é firme xa que aínda cabe interpor recurso de casación, declara nula tamén a decisión da empresa de aplicar o acordo de teletraballo ao existir "indicios de vulneración da liberdade sindical".

"A sentenza ditamina que, o acordo de teletraballo que foi imposto unilateralmente pola empresa é nulo e máis á vista das diferentes cláusulas que nel se recollen", reivindicou a CUT nun comunicado. O sindicato criticou que este acordo "contou co silencio" doutros sindicatos como SIT, UXT e CCOO, mais agora o TSXG declara a vulneración da liberdade sindical en tres aspectos, ao ser "imposto e non negociado", alén de ser "elaborado unilateralmente tentando desvirtuar a intervención sindical" e por "atrasarse" a entrega das copias das persoas en teletraballo.

"Esta política antisindical sufrímola día a día os representantes da CUT, pero sobre todo sófrena os nosos afiliados nos seus postos de traballo que corren o risco —por presumibelmente seren afiliados— de sancións indiscriminadas, limitación das súas carreiras profesionais, dificultades no exercicio de dereitos que a outras persoas si se lles conceden, avisos ou amoestacións", lamentaron.

Recurso da empresa

Pola súa parte, fontes de Stellantis Vigo consultadas pola axencia Europa Press aseguraron que recorrerán diante do Tribunal Supremo esta sentenza, solicitando unha unificación de doutrina.

Ao seu xuízo, "hai disparidade de criterios" a respecto diso, con informes da Inspección de Traballo e da Fiscalía ou unha sentenza do Xulgado de Primeira Instancia que deu a razón á compañía sen apreciar vulneración de dereitos no acordo de teletraballo.

Comentarios