O persoal da CRTVG prepara dúas novas xornadas de folga e protestas

O comité intercentros chama a participar da campaña de actos reivindicativos que continúa esta sexta feira e o sábado e que inclúe novos paros.
Concentración do cadro de persoal da CRTVG o pasado 6 de marzo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Concentración do cadro de persoal da CRTVG o pasado 6 de marzo. (Foto: Nós Diario)

Os traballadores e traballadoras da CRTVG están convocadas esta sexta feira e mais o sábado a unha nova xornada de folga e de protesta baixo o lema 'Non máis abusos', no marco da súa campaña para denunciar unha situación laboral "marcada pola marxinación profesional, o trato degradante, a denegación de dereitos, as sancións e a represión sobre persoas traballadoras críticas coa manipulación informativa e o desmantelamento da compañía".

Contra as 12 horas desta sexta feira decorrerá unha concentración na praza do Toural de Santiago de Compostela, dentro das dúas xornadas de protestas organizadas polo comité intercentros para estes días 24 e 25 de marzo. Desde o comité denuncian que os "traslados forzosos" de traballadores como medida de "castigo" son "a manifestación máis recente desa situación xa insostíbel de abusos laborais", aos que urxe "pór fin" e "defender a dignidade das persoas traballadoras que reclaman a obxectividade, a imparcialidade, a veracidade e o pluralismo públicos".

Servizos mínimos

O Diario Oficial da Galiza (DOG) xa publicou os servizos mínimos estabelecidos pola corporación, ao abeiro do artigo 2 do decreto 155/1988, do 9 de xuño, sobre prestacións de servizos esenciais no caso de folga do persoal ao servizo da Administración galega, que xustifica a razón do "carácter esencial" que revisten os servizos de comunicación audiovisual e a condición de servizo esencial.

Así, a orde fixa os servizos mínimos para garantir a produción e emisión dos programas informativos que son considerados imprescindíbeis para o mantemento dos servizos públicos de información ao país. Os boletíns horarios, pequenos espazos de catro minutos ao longo do día, mantéñense como información mínima.

Ademais, a convocatoria de servizos mínimos permite a elaboración dos espazos informativos da TVG e Radio Galega con duración determinada en función do seguimento da folga por parte do persoal. Os programas non informativos, directos ou gravados, non se dotan de servizos mínimos, así como tampouco están en servizos mínimos as informacións de deportes ou do tempo; porén, si podería estar a información meteorolóxica no caso de que na xornada de folga tornase nunha información relevante.

Cando non sexa posíbel a emisión dun espazo polo seguimento da folga, emitirase en redifusión un programa xa emitido con anterioridade. Finalmente, a orde sinala a "proporcionalidade", isto é, que a actividade informativa mantida tan só cos recursos dos servizos mínimos "comporta unha diminución, non só da total actividade televisiva ou radiofónica de calquera clase de contido que é desenvolta en circunstancias de normalidade, senón tamén nunha apreciable redución da actividade audiovisual que é realizada nesas mesmas circunstancias de normalidade". A afectación da folga será máis ou menos visíbel en función do seguimento por parte do persoal.

Comentarios