O comité intercentros da CRTVG denuncia que a dirección apartou unha presentadora "por criticar Feixoo"

“Esta medida, aplicada sen ningunha xustificación, e comunicada polo director do Departamento de Recursos Humanos, Víctor Tubio Vilar, á presentadora é unha clara represalia que atenta gravemente contra o seu dereito fundamental de liberdade de expresión”, indican desde o Intercentros.
A ex presentadora de 'Vivir Aquí', Mayte Csbezas (Foto: UVigo).
photo_camera A ex presentadora de 'Vivir Aquí', Mayte Csbezas (Foto: UVigo).

Nas últimas horas coñeceuse a decisión da CRTVG de suprimir a emisión do programa 'Vivir Aquí' da TVG e de enviar a súa presentadora, Mayte Cabezas (filla dun asasinado polos Grapo) á Radio Galega, algo que foi considerado polo Comité Intercentros como unha represalia ante unha crítica que a propia Cabezas fixera a Alberto Núñez Feixoo nas súas redes sociais.

Antes esta decisión da corporación da radio e televisión públicas galegas, o Comité Intercentros da CRTVG expresou a súa máis enérxica repulsa por esta decisión que se produce “após ter publicado nas súas redes sociais unha crítica persoal sobre o trato dispensado ás vítimas do terrorismo por Núñez Feixoo durante o seu mandato como presidente da Xunta”.

"Ningunha xustificación"

“Esta medida, aplicada sen ningunha xustificación, e comunicada polo director do Departamento de Recursos Humanos, Víctor Tubio Vilar, á presentadora é unha clara represalia que atenta gravemente contra o seu dereito fundamental de liberdade de expresión”, acrecentan desde o Intercentros.

De acordo co comité, este é un traslado “que se suma a outros anteriores de compañeiras e compañeiros significados na súa oposición á manipulación informativa nos medios públicos galegos e que motivaron a convocatoria dunha xornada de folga o pasado 6 de marzo, á que seguirán outros dous paros de 24 horas os próximos venres 24 e sábado 25 de marzo, convocados polo Comité Intercentros”.

“Estas mudanzas forzosas de medios son expresión dunha situación laboral insostíbel, marcada pola marxinación profesional, o trato degradante, a denegación de dereitos e as sancións e represión sobre o persoal crítico coa manipulación e o desmantelamento do servizo público” afirman.

"Gravísimas condutas"

“O Comité Intercentros considera da maior gravidade que a dirección dun ente público como a CRTVG reitere gravísimas condutas de vulneración de dereitos fundamentais de traballadoras e traballadores que non son afíns aos intereses do Partido Popular e exixe o cesamento inmediato do cadro directivo da CRTVG, comezando polo Director Xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo.

Comentarios