A crise e a inflación centran a xornada do Primeiro de Maio

Os sindicatos chaman á mobilización e a actuar contra a suba dos prezos e os efectos da crise na clase traballadora.
Unha persoa pasa diante dos carteis que chaman á mobilización neste Primeiro de Maio (Foto: Xoán Roberes).
photo_camera Unha persoa pasa diante dos carteis que chaman á mobilización neste Primeiro de Maio (Foto: Xoán Roberes).

Este domingo, primeiro de maio, a clase traballadora galega está chamada a saír as rúas para reivindicar melloras que fagan fronte, entre outras cuestións, á perda de poder adquisitivo e garantan unha saída digna da actual crise económica e social.

Será unha xornada que decorrerá no medio dun escenario "extremo", no que se aproveita a guerra  para xustificar unha situación económica, social e industrial que arranca xa de antes Galiza, e que na pandemia empeorou e agora está nun momento moi crítico", explica a Nós Diario o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que incide en que "a carestía da vida e o avance da pobreza en xeral lévanos a que fagamos a reivindicación de 'Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos'".

Entre as peticións do principal sindicato da Galiza, que este domingo se mobilizará en 16 cidades e vilas galegas coa de Vigo como principal, están apostar por unha tarifa eléctrica galega, na que se desconten as peaxes por transporte e aplique 10% de desconto a todas as galegas e os galegos; recortar os beneficios das eléctricas; revisar os salarios conforme ao IPC interanual acumulado e subir o salario mínimo a 1.167 euros (60% do salario medio que marca a carta social europea), entre outras. 

Pola súa parte, Comisións Obreiras (CCOO) e UXT organizan varias manifestacións conxuntas no país, aínda que a principal, na que participarán os seus respectivos secretarios xerais, terá lugar na Coruña. Todas elas serán baixo o lema 'A solución: subir salarios, conter prezos e máis igualdade'.

A este respecto, a secretaria  xeral de CCOO, Amelia Pérez, denunciou que a perda de poder adquisitivo fai que haxa na Galiza "moitas familias que teñen traballo e non chegan a final de mes" ou nas que, pola alza dos prezos, "calquera imprevisto rompe as costuras da economía doméstica". 

O secretario xeral de UXT, José Antonio Gómez, tamén incidiu na necesidade de adecuar os salarios ao incremento do custo da vida e lembrou que, xunto a estas reivindicacións están as de camiñar cara á xornada laboral de 32 horas, avanzar no compromiso do Goberno español de subir o SMI e traballar "nun estatuto dos traballadores para o século XXI".

Na CUT, pola súa parte, terán moi presentes as loitas obreiras de 1972, das que se cumpren 50 anos e que, un sindicalismo que, como destacan, "rompera con ese outro sindicalismo español que non ía tardar en traizoar ao proletariado todo".

Para a CNT o reto transcendental do movemento obreiro é facerse oír, tomar conciencia de clase e contrarrestar a onda de movementos autoritarios, racistas e patriarcais, unha idea que respalda tamén a CXT, que proclama que 'Os dereitos conquístanse loitando'.

Mobilizacións

A CIG, ademais da manifestación de Vigo, convoca nas outras seis cidades e en vilas como Cee, Ribeira, As Pontes, Foz, Verín, O Barco, Vilagarcía, A Estrada e Cangas. 

CCOO e UXT irán xuntas na Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra e Vilagarcía, mais UXT maniféstase en solitario en Lugo e Viveiro.

A CUT convoca actos na Coruña, Compostela, Vigo e Ourense, mentres que a CNT programa o seu acto central en Compostela e a CXT o seu en Pontevedra.

Comentarios