Un prezo máximo do combustíbel, a revisión do salario conforme ao IPC e fixar o custo da enerxía: as propostas da CIG polo 1 de Maio

O sindicato con maior representación na Galiza, ademais de convocar estas mobilizacións, propón unha batería de propostas e medidas para facer fronte á actual situación económica.
Unha persoa enche o depósito do seu vehículo nunha gasolineira (Foto: Europa Press).
photo_camera Unha persoa enche o depósito do seu vehículo nunha gasolineira (Foto: Europa Press).

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de anunciar a convocatoria de 16 manifestacións en vilas e cidades galegas, con motivo do Día Internacional da Clase Traballadora, que decorre cada 1 de maio.

O principal sindicato galego subliña que este ano o Primeiro de Maio "ten lugar no medio da crítica situación económica e social pola carestía da vida na que xa vivíamos, agravada polas consecuencias da guerra en Ucraína".

Ademais de convocar estas mobilizacións, a CIG propón unha batería de propostas e medidas para facer fronte á actual situación económica.

Electricidade

A central sindical insiste, entre outras, na aposta pola creación dunha tarifa eléctrica especial que, durante 24 meses, fixe o prezo de referencia entre os 10€/MWh e os 60 €/MWh para quen teña potencia contratada igual ou inferior a 15 kW.

Outra das propostas é implantar a Tarifa Eléctrica Galega mediante a eliminación do pagamento da peaxe de transporte e aplicando unha redución de 10% da tarifa mensual a quen teña o seu domicilio na Galiza.

Aliás, exixe retirar do mercado maiorista as centrais hidráulicas, as nucleares e gas para fixar o prezo da electricidade, co obxectivo de conseguir unha baixada xeneralizada na tarificación.

Tamén pide controlar e marcar un límite ao beneficio obtido polas empresas eléctricas e a creación dunha Empresa Pública Galega de Electricidade.

Salarios

En materia salarial, aposta por "incluír en todos os convenios a cláusula de revisión salarial con carácter retroactivo conforme ao IPC interanual acumulado".

O sindicato insta a aprobar as medidas necesarias para que as auditorías retributivas e os plans de igualdade conteñan "medidas reais e eficaces" para rematar coa fenda salarial e outras desigualdades.

Por último, exixe fixar o salario mínimo interprofesional en 1.167 euros ao mes, 60% do salario medio do Estado español, "tal como recomenda a Carta Social Europea".

Emprego

A central avoga pola prohibición de simultanear a aplicación dun ERTE con outras medidas de recorte: descolgues, modificación das condicións de traballo, mobilidade xeográfica, desregulación da xornada, etc.

Asemade, as empresas que queiran acollerse a un ERTE "estarán ao día na actualización das revisións salariais, completar até 100% os salarios, e manter a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas".

Outras medidas

A CIG tamén aposta pola fixación, por parte do Goberno español, dun prezo máximo de gasolina e diésel mentres non se estabilicen os prezos e non se avance nunha "solución fiscal xusta", tomando como base o prezo medio nas gasolineiras ao 24 de febreiro de 2022, antes do comezo da guerra en Ucraína.

"Reforzar os servizos de mobilidade aumentando frecuencias e ampliando horarios para facilitar os desprazamentos, así como reducir as esixencias para o acceso a maiores descontos", detalla o sindicato.

Por último, propón a conxelación das cláusulas de actualización das rendas de alugueiro en todos os conceptos durante o ano 2022.

Comentarios