A baixa salinidade na ría acaba con 81% do berberecho en Noia

O sector marisqueiro da Confraría de Noia demanda un paro biolóxico de dous meses e axudas compensatorias por parte da Xunta.
Un técnico da Confraría de Noia realizando mostraxes sobre a poboación de bivalvo na ría (Foto: Confraría de Noia).
photo_camera Un técnico da Confraría de Noia realizando mostraxes sobre a poboación de bivalvo na ría (Foto: Confraría de Noia).

O berberecho de tamaño adulto [aquel que se pode comercializar] alcanzou unha mortalidade de 81,3% nos bancos marisqueiros da confraría de Noia, segundo un informe realizado pola bióloga do pósito, Liliana Solís.

O berberecho de tamaño non comercial [a cría] tivo unha taxa de mortalidade de 77%. No caso da ameixa xaponesa de tamaño adulto, a seguinte en importancia para esta confraría, morreu nunha porcentaxe de 54%.

Ademais, os bancos de ameixa fina e babosa sofren unhas densidades moi baixas despois de levar varios anos en regresión. En conversa con Nós Diario, Solís recomenda para estas especies "preservar a densidade de stock reprodutor e non expor a cría a maior depredación coa actividade extractiva".

"O outono e o inverno estiveron marcados polas altas precipitacións e polos desaugues do encoro do Tambre, que afectaron á salinidade dos bancos marisqueiros e provocaron taxas por debaixo das adecuadas", explica a bióloga.

"Nas gráficas observase que nas datas nas que houbo desaugues [do encoro do Tambre] a taxa de salinidade permaneceu en cero durante varios días", engade a técnica da confraría de Noia.

Estas cifras de mortalidade non só condicionan a actual campaña, senón tamén a próxima. "A produción de berberecho para a próxima campaña vese comprometida pola mortalidade da cría", afirma Solís.

En declaracións a este xornal, o patrón maior da confraría de Noia, Santiago Cruz, explica que "debido á mortalidade aprazamos a volta da campaña marisqueira, que estaba prevista para o día 20 de febreiro".

Ademais, sinala, "solicitamos un paro biolóxico de dous meses acompañado de axudas por parte da Xunta". "É fundamental non tocar agora a praia e deixala até a próxima campaña, pois dela dependen máis de 1.500 familias directamente", afirma o patrón maior.

Cruz apela a que a empresa que xestiona o encoro do Tambre [Naturgy] "pense máis nas persoas que estamos abaixo da presa, pois se abren as comportas con tanto volume de auga vémonos moi afectadas".

Comentarios