sábado 31/10/20

A cotización de autónomas e autonomos divide ás organizacións

O Goberno español quere mudar o sistema de cotizacións. Desde ATA cren que non é momento de modificacións mais desde UPTA e Uatae aseguran que urxe facelo. 
Reunion do ministro de Inclusion, Seguridade Sociale Migracións coas organizacións de autónomas e autónomos (Europa Press)
Reunion do ministro de Inclusion, Seguridade Sociale Migracións coas organizacións de autónomas e autónomos (Europa Press)

As organizacións estatais de autónomas e autónomos, ATA, UPTA e Uatae, reuniranse esta terza feira co Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións para falar do novo sistema de cotización por ingresos reais. A semana pasada, o seu responsábel, José Luis  Escrivá, informou no Congreso de que presentaría ás asociacións de autónomos as súas "primeiras ideas" para o novo sistema de cotización por ingresos para este colectivo, que segundo o Goberno, permitirá que "a gran maioría de autónomas e autónomos" cotice menos. 

"Os que van ter que cotizar menos porque teñen ingresos menores supera amplamente aos que van cotizar máis", asegurou Escrivá, sinalando ademais que os que terán que abonar unha cotización superior, "moitos se deron conta na pandemia de que cotizar máis é máis prestación".

A súa proposta, indicou, pasa por "un sistema moi gradual", tanto nos tramos de cotización como no despregamento deste sistema. 

Discrepancia entre as organizacións estatais

A Federación Nacional de Asociacións de Traballadoras e Traballadores Autónomos (ATA) advirte ao Goberno español de que, aínda que ten "todo o sentido" adecuar progresivamente as súas cotizacións aos seus ingresos reais, non é o momento de facelo nin parece "factíbel" desde un punto de vista operativo e práctico. Aseguran que se traduciría nun aumento das cotizacións para 70% deste sector.

Desde ATA cren que non existen os medios nin os procesos para determinar os ingresos reais deste colectivo e aplicar a proporcionalidade na cota en tempo real. 

Desde a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) discrepan e aseguran  que é fundamental que as cotizacións se regularicen segundo os ingresos reais, mais piden que haxa "xustiza contributiva". Sinalan que o sistema actual é "absolutamente inxusto e pouco solidario". 

Por parte de Unión de Autónomos (Uatae), reclaman tamén que se comece por "acelerar a reforma xusta e solidaria" da cotización que reforce o Estado do Benestar. Deixan claro que "sen un traballo autónomo decente, non haberá recuperación económica xusta". Aseguran que leva anos defendendo un novo sistema de cotización por ingresos reais.

comentarios