Educación

A Consellaría deixa vacantes máis da metade das licenzas por formación do profesorado

"Parece que, unha vez máis, se aplica un criterio economicista", censura a CIG-Ensino, que cifra en 750.000 euros o "aforro" da Administración galega cos 287 meses dun total de 500 que non se adxudicaron para formación malia presentárense proxectos abondos.
Regreso ás aulas, esta segunda feira, no CEIP Quiroga Palacios de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Regreso ás aulas, esta segunda feira, no CEIP Quiroga Palacios de Santiago. (Foto: Arxina)

A Consellaría de Educación volveu convocar para o curso 2023-24, após a supresión do pasado ano, as licenzas por formación do profesorado do ensino non universitario. E segundo as bases distribuíanse, de igual maneira que no 2021-22, un total de 500 meses de duración para adxudicar aos proxectos presentados nas diferentes modalidades. Porén, máis da metade, 287 meses, quedaron sen cubrir, e non foi precisamente por falta de candidaturas —consulte aquí a resolución—.

Para a CIG-Ensino, que xa demandou explicacións, é unha resposta "difícil de aceptar" que se debese, segundo a Administración, a que os proxectos "carecían da calidade necesaria" e que, "en aras da súa responsabilidade", non podían adxudicar todos eses meses de licenzas. Lembra o sindicato maioritario no ensino galego que algúns dos proxectos que ficaron fóra recibiron puntuacións de 11,90 ou 11,88, "cando a mínima [para seren aprobados] era de 12 puntos".

A resolución provocou un "gran descontento" entre a comunidade docente, que se sente "menosprezado e enredado" por unha Consellaría "que ofrece algo para logo non dalo" e que "desouviu" todas as reclamacións, ratificándose nas puntuacións outorgadas. Desde a CIG salientan que hai determinadas temáticas, como é o caso da de igualdade, nas que "nin unha soa persoa acadou a licenza para realizar materiais para módulos non existentes desta materia".

"De tremenda inxenuidade nos parece crer que os malos proxectos son os causantes de tal desfeita, máis ben parece que, unha vez máis, se aplica un criterio economicista. Estamos ante unha Consellaría que aplica a mesquindade, como soe facer cando se trata de mellorar os servizos públicos", censura a central sindical, que cifra en 750.000 euros o "aforro" do Goberno galego con estas vacantes.

Nunhas contas rápidas, sosteñen desde a CIG, "eses 287 meses que quedaron por adxudicar servirían para a contratación de 95 docentes substitutas durante os tres meses que dura aproximadamente unha licenza formativa —máximo por titular—, e se temos en conta o custe medio tanto de salarios como de cotizacións á Seguridade Social durante estes períodos de licenza estamos falando dun aforro para a Administración galega de perto de 750.000 euros".

"Pulo á FP"

Alleo a estas críticas, o conselleiro, Román Rodríguez, gabouse do "pulo" que a Xunta deu á Formación Profesional nesta lexislatura, coa creación de sete centros especializados, entre eles o Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, que visitou esta terza feira. "Para este curso incrementamos a oferta dos mestrados en 55%, superando as 1.000 prazas, e abrimos a súa oferta a calquera titulado de FP e graduados universitarios", celebrou.

"Este ano xa demos pasos moi significativos coa maior oferta da historia, de 42.174 prazas en primeiro curso, e cando remate toda a tramitación de matrícula agardamos superar o récord do ano pasado, de case 61.000 matriculados na FP", engadiu o titular de Educación, FP e Universidades do Goberno galego.

Comentarios