O persoal de Ganomagoga continúa as protestas e cuestiona os motivos aducidos para o ERE

Decenas de afectados mobilizáronse esta sexta feira diante do Consistorio vigués para reclamar o apoio do Goberno local, como xa fixeran a pasada semana en Ponteareas, outra das localidades nas que opera o grupo.
Concentración do persoal de Ganomagoga diante da sede do Concello de Vigo, esta sexta feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Concentración do persoal de Ganomagoga diante da sede do Concello de Vigo, esta sexta feira. (Foto: Europa Press)

Un centenar de traballadores do grupo Ganomagoga concentrouse esta sexta feira fronte ao Concello de Vigo, onde acudiron para entregar un escrito por rexistro e reclamar o apoio da corporación e a mediación do Goberno local no seu conflito laboral. O presidente do comité de Talleres Ganomagoga, a maior empresa do grupo, Javier Pérez (CIG), explicou que desde a compañía trasladaron a documentación "estritamente necesaria" no marco da negociación do ERE de extinción.

Pérez, con todo, precisou que as causas aducidas pola sociedade para pedir o concurso e rescindir os contratos —en total, hai case 200 traballadores afectados en todas as empresas do grupo— "non parecen suficientes para un ERE", malia que admitiu que as perdas declaradas son "importantes".

Tamén cuestionou algúns dos datos achegados por Ganomagoga, como o incremento de gastos de persoal durante o pasado ano, cifrado pola empresa en 33 %, en contraste coa suba que experimentaron os salarios, de "pouco máis de 6 %", e o número de traballadoras e traballadores "é practicamente o mesmo", asegurou.

O sindicalista da CIG, aliás, manifestou as súas reticencias sobre os problemas argumentados de carga de traballo, e sinalou que, a comezos de ano, "había carteira de pedidos", mais a empresa asegurou que non conseguira financiamento para comprar os materiais que precisaría.

Ganomagoga conta cunha planta en Ponteareas (comarca do Condado), a de Talleres Ganomagoga, que é a sede principal e que conta con outra sede en Mos (comarca de Vigo); cunha división loxística —Ganomagoga Logistics, tamén con sede en Ponteareas—; Aplimega, no Porriño (comarca de Vigo), e Cedval, en Vigo.

O grupo negocia un ERE por separado para cada unha das súas empresas e, de feito, a próxima segunda feira conclúe o prazo de negociación para Ganomagoga Logistics. O comité de Talleres Ganomagoga prevé unha nova reunión coa compañía, no marco da negociación do ERE, para a vindeira quinta feira e, polo de agora, descoñecen as condicións nas que se rescindidarán os contratos.

Decenas de traballadores de Ganomagoga concentráronse o pasado 13 de marzo diante do Consistorio ponteareán para demandar tamén o "apoio" tanto do Executivo local como do resto de grupos da corporación. "Non entendemos como se pode deixar caer unha empresa estratéxica como esta, dedicada ás enerxías renovábeis", lamentaran.

Comentarios