O persoal de Ganomagoga: "Non entendemos como se pode deixar caer unha empresa dedicada á eólica"

Segundo explican desde o comité de empresa, presidido pola CIG, o obxectivo é contar co apoio do Concello “ante as Administracións públicas superiores para tratar de buscar algún tipo de financiamento ou interlocución”.
Concentración en Ponteareas do persoal de Ganomagoga (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración en Ponteareas do persoal de Ganomagoga (Foto: Nós Diario).

O cadro de persoal de Ganomagoga (empresa dedicada ao sector eólico), con centros de traballo en Ponteareas, Mos, O Porriño e Vigo, mobilizouse esta segunda feira en defensa dos seus empregos tras a presentación dun ERE extintivo para os arredor de 200 traballadores do grupo de empresas.

Ao mesmo tempo, a representación sindical rexistrou un escrito solicitando o “apoio do Goberno local [de Ponteareas] e de todos os grupos políticos presentes na corporación municipal”, indicou a Confederación Intresindical Galega (CIG).

Segundo explican desde o comité de empresa, presidido pola propia CIG, o obxectivo é contar co apoio do Concello “ante as Administracións públicas superiores para tratar de buscar algún tipo de financiamento ou interlocución”, xa que o cadro de persoal “non entende como se pode deixar caer unha empresa estratéxica como esta, dedicada ás enerxías renovábeis”.

O feito de ter escollido esta localidade da comarca do Condado para iniciar a campaña de protestas e de xestións institucionais responde, segundo a central sindical, a que o Grupo Ganomagoga ten as súas instalacións principais neste concello e 60% do seu cadro de persoal é veciño da localidade. Neste sentido, desde a representación sindical lembran que se trata “da compañía con maior número de persoal de Ponteareas”.

Manifestación

Por outra parte, no escrito entregado no Concello tamén se invita os responsábeis municipais a participar na manifestación prevista para esta quinta feira, día 16 de marzo que sairá desde as instalacións da empresa ás 18.30 horas e rematará tamén diante do Concello.

En canto ás xestións institucionais en marcha, desde o comité indican que esta cuarta feira manterán unha xuntanza coa Consellaría de Economía en Compostela ás 9.30 horas, mentres que continúan á espera de que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) responda á solicitude de reunión.

Ao mesmo tempo, para o día seguinte, está fixado un novo encontro cos responsábeis da empresa para que lles fagan entrega da documentación relativa ao ERE extintivo, que a dirección de Ganomagoga xustifica por “causas económicas, produtivas e organizativas” e que suporá o despedimento de arredor de 30 empregados de Aplimega, 20 de Cedval, 8 de Logistic, e 130 de Talleres Ganomagoga, firmas que fan parte do grupo empresarial.

Comentarios