O comité de Xeal pide reunirse cos grupos parlamentarios para trasladar as súas demandas

Os traballadores tamén requiren a apertura dunha negociación entre todas as partes afectadas: Xunta da Galiza, empresa, Concello de Mazaricos e o comité de empresa.
Vista da central hidroeléctrica do Ézaro, na desembocadura do río Xallas, propiedade de Xeal. (Foto: Josfor)
photo_camera Vista da central hidroeléctrica do Ézaro, na desembocadura do río Xallas, propiedade de Xeal. (Foto: Josfor)

O comité de empresa de Xeal vén de solicitar aos grupos parlamentarios  de PP, BNG e PSdeG unha reunión para trasladarlles a súa preocupación polo "novo intento de segregación encuberta das actividades" exercido pola compañía.

Con esta reunión, os traballadores pretenden que as tres formacións políticas coñezan e apoien as súas demandas, que recollen a constitución dun plan industrial e de viabilidade das fábricas.

Nun comunicado, o comité informou de que se dirixiu tamén, no mesmo sentido, ao Concello de Mazaricos, Augas da Galiza e a Consellaría de Industria.

O comité de empresa agarda que os grupos parlamentarios trasladen as súas demandas ás administración públicas e á empresa de que calquera autorización administrativa para novos aproveitamentos hidráulicos para a produción de electricidade deberá estar condicionado ao cumprimento da lexislación aplicable en vigor (incluída a ambiental), ao cumprimento e acatamento pola empresa das cláusulas concesionais de acordo aos termos interpretados recentemente pola sentenza do TSXG do 5 de novembro de 2020.

Plan industrial

O comité tamén exixe que a empresa presente un plan industrial, tendo en conta que as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única.

Aliás, solicita o restabelecemento e fixación dun número mínimo de cadro de persoal en relación ao nivel de emprego existente no ano 2019, e da aplicación do convenio colectivo actualizado de Xeal Cee Dumbría Centrais Hidroeléctricas.

Po outra parte, os traballadores requiren a apertura dunha negociación entre todas as partes afectadas: Xunta da Galiza, empresa, Concello de Mazaricos e o comité de empresa.

Comentarios