O comité de Xeal denuncia a empresa, Xunta, Ferroatlántica e Ithaka Partners por "desmantelar" a planta

Afirma que a actitude do Executivo de Alfonso Rueda fai que a empresa "sinta cada vez máis impunidade" para "avanzar no proceso de desmantelamento" e a consecuente "destrución" de postos de traballo.
Vista da factoría de Xeal en Cee. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Vista da factoría de Xeal en Cee. (Foto: Nós Diario)

O comité de empresa de Xeal vén de presentar unha denuncia contra o Goberno galego, Ferroatlántica, o fondo  Ithaka Partners e a propia Xeal polo "desmantelamento" da planta,

Os traballadores consideran que este "desmantelamento" é a continuación da "fraude" cometida na venda da factoría de ferroaleacións por parte de Ferroglobe.

Nun comunicado difundido este mércores pola Confederación Intersindical Galega (CIG), o comité explicou que a querela está dirixida contra a directora de Augas da Galiza, Teresa Gutiérrez, o conselleiro delegado do grupo Ferroatlántica, Marco Levi, os administradores do fondo Ithaka Partners e o apoderado de Xeal.

Os representantes sindicais xustifican este paso "ante a  pasivididade reiterada" da Xunta á hora de "requirir á empresa que cumpra coas cláusulas esenciais das concesións hidroeléctricas e as diferentes sentenzas xudiciais que avalan a vinculación das actividades enerxética e de produción de  ferroaleacións".

Responsábeis de delitos de prevaricación

Para o comité de empresa, os denunciados poderían ser  responsábeis de delitos de prevaricación por omisión, prevaricación polo "ditado dunha resolución inxusta" e dun delito contra os traballadores.

Neste sentido, consideran que a actitude do Executivo de Alfonso Rueda fai que a empresa "sinta cada vez máis impunidade" para "avanzar no proceso de desmantelamento" das fábricas e a consecuente "destrución" de postos de traballo, o que "pon en risco" a viabilidade das plantas de Cee e Dumbría.

"Vémonos no deber de ter que denunciar penalmente a operación de compravenda para salvagardar os intereses dos traballadores e traballadoras presentes, dos que poidan entrar no futuro, do colectivo de persoal pasivo, e garantir o futuro industrial da comarca", trasladou o comité.

O comité reclama ao xulgado que investigue a legalidade da operación de adquisión por parte do fondo Sixth Street  Partners de Ferroatlántica, así como das resolucións do ente público Augas da Galiza como responsábel de velar polo cumprimento das cláusulas que obrigan a ligar a produción de  ferroaleaciones á explotación dos saltos hidroeléctricos.

Os traballadores inciden en que a produción eléctrica "é a única actividade na que ten interese real" o fondo de investimentos e que, por tanto, busca "desmantelar" unhas fábricas que, segundo denuncian, "segue dirixindo"  Ferroglobe como evidencia que o grupo de Villar Mir sexa "quen fornece as principais materias primas e quen compra en exclusiva toda a  produccción" das plantas de Cee e Dumbría.

"Que  Ferroglobe controla as fábricas resulta tan obvio que o grupo corre con todos os gastos, incluídas as nóminas do persoal", asevera o comité, que pon o acento en que a dirección actual dedícase a xestionar as centrais hidroeléctricas, o que supón un incumprimento das cláusulas  concesionales.

Comentarios