Persoal de Xeal sinala a "segregación encuberta" nas actividades da firma

O comité de empresa de Xeal demanda o condicionamento da instalación de novas centrais eléctricas "ao cumprimento da lexislación aplicábel en vigor (incluída a medioambiental)" así como ao "restabelecemento e fixación dun número mínimo de cadro de persoal" nas factorías.
Planta de produción de ferroaliaxes de Xeal, no municipio de Cee (Foto: Europa Press).
photo_camera Planta de produción de ferroaliaxes de Xeal, no municipio de Cee (Foto: Europa Press).

O comité de empresa de Xeal denunciou esta terza feira "un novo intento de segregación encuberto das actividades da empresa", ademais de "reiterados incumprimentos da empresa" con respecto ás súas concesións, que "están a provocar o desmantelamento progresivo das fábricas e o recorte drástico da produción e dos postos de traballo".

O comité lembra que Xeal "explota recursos naturais da Galiza e da Costa da Morte, beneficiándose de concesións públicas supeditadas ao mantemento e xeración de postos de traballo".

Por isto, subliña a representación do cadro de persoal, "as actividades de xeración de enerxía eléctrica e de fabricación de ferroaliaxes forman unha unidade produtiva única e que é unha obriga legal”.

Desde a venda de Ferroatlántica en agosto do 2019 e coa constitución da nova sociedade Xeal, o comité afirma que “a realidade é que a empresa nunca presentou un plan de viabilidade" e, pola contra, a situación nas fábricas da compañía "é de desmantelamento progresivo". 

Desta forma, denuncia a representación do persoal, desenvolveuse "un recorte drástico da produción e dos postos de traballo, cunha perda de máis de 30 postos fixos e aproximadamente 80 eventuais e a práctica desaparición de industria auxiliar”.

Neste contexto, Xeal pretende aumentar a produción eléctrica a través de dúas novas explotacións hidroléctricas a través do aproveitamento hidráulico nos municipios de Dumbría e Mazaricos.

Por unha parte, a empresa solicitou o aproveitamento do caudal ecolóxico do encoro de Santa Uxía, en Dumbría, na que o comité presentou alegacións exixindo que se cumpran coas cláusulas de concesión. Por outra, Xeal pretende desenvolver un proxecto de estación reversíbel de bombeo no monte da Ruña, no municipio de Mazaricos.

Con respecto a estes proxectos, o comité de empresa de Xeal exixe que calquera autorización administrativa para novos aproveitamentos hidráulicos para a produción de electricidade "deberá estar condicionada ao cumprimento da lexislación aplicábel en vigor (incluída a medioambiental)" así como ao "restabelecemento e fixación dun número mínimo de cadro de persoal" nas factorías.

Comentarios