Xeal anuncia 4 millóns para unha nova central no Xallas entre rumores de venda

A empresa prevé instalar unha central "de caudal ecolóxico" con dúas turbinas cunha potencia conxunta de 3,5 megawatts.
Encoro de Santa Uxía, explotado por Xeal, no río Xallas.
photo_camera Encoro de Santa Uxía, explotado por Xeal, no río Xallas.

Xallas Electricidade e Aliaxes (Xeal) vén de anunciar un investimento de 4 millóns de euros para levantar un novo aproveitamento enerxético no río Xallas. O proxecto, que a empresa define como unha "central de caudal ecolóxico", realizarase no encoro de Santa Uxía e "non suporá a modificación do encoro nin as centrais actuais, senón a a instalación de 2 turbinas Kaplan cunha potencia conxunta de 3,5  megawatts (MW)".

Como explica nun comunicado, a idea é aproveitar o caudal ecolóxico do río e aumentar capacidade de xeración renovábel "en liña coas directrices da Unión Europea e así contribuír á seguridade de subministración enerxética dos países membros, o cal é crítico desde o estalido do conflito de Ucraína", apunta.

A nova instalación terá unha produción de 16 xigavatios/hora (Gwh) anuais e as previsións da empresa é que empece a súa construción unha vez recibidas as preceptivas autorizacións de Augas de Galicia e da Consellería de Economía. O período de construción estimado é de 16 meses, empregándose 200 persoas durante os traballos, con picos de até 50 persoas simultaneamente. 

Xeal, din, comprométese a que toda a contratación se faga con empresas galegas e engade que este investimento "é adicional" ao plan comprometido pola empresa para o período 2020-2024, que contempla actuacións por valor de 28 millóns de euros.

O anuncio prodúcese tan só uns días despois de que xurdise o rumor de que TGP-Ithaka, o fondo norteamericano que comprou en 2019 a Ferroatlántica as dez centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande e as plantas de ferroaliaxes de Cee e Dumbría, puxera no mercado estes activos, un extremo que desde a compañía negaron.

Un río sobreexplotado

Este novo aproveitamento sobre o río Xallas, que a compañía non especifica se, ao igual que os outros dez, tamén está ligado ao mantemento da actividade e o emprego nas plantas de ferroaliaxes, incrementará a presión sobre un dos cursos fluviais "máis intensamente explotados" da demarcación Galiza-Costa. 

Así o vén denunciando desde hai xa ben tempo a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega), que argumenta que a antiga Ferroatlántica, agora Xeal, ten en apenas 15 quilómetros de río sete aproveitamentos hidroeléctricos cos que pode manexar ao seu antollo os caudais do río coa fin de sacar o maior rendemento posíbel a estes recursos naturais.

Comentarios