O persoal de Xeal leva a empresa ante a autoridade laboral polo convenio

Os traballadores e as traballadoras de Xeal denuncian que pasar ao convenio sectorial supón empeorar as súas condicións laborais.
Fábrica de Xeal en Cee (Foto: CIG).
photo_camera Fábrica de Xeal en Cee (Foto: CIG).

O comité de empresa de Xeal vén de presentar un conflito colectivo contra a decisión da empresa de dar por decaído o convenio colectivo propio e pasar a aplicar o convenio sectorial do metal da Coruña, de condicións inferiores. 

Segundo denuncian nun comunicado, este cambio suporá unha perda de dereitos laborais, sociais e salariais que os traballadores e traballadoras tiñan recoñecidos e que foran conquistando a través de "duras loitas", lembra o comité.

Dentro das accións acordadas para frear esta agresión, a representación do persoal dirixiuse á sección de mediación, arbitraxe e conciliación (SMAC) para que inste unha conciliación coa empresa e que esta recoñeza a vixencia e aplique en todos os seus artigos o XII convenio colectivo para as fábricas de Cee e Dumbría e as Centrais Hidroeléctricas, mentres non se acorda un novo convenio colectivo.

Primeiros efectos

A decisión da empresa xa tivo os primeiros efectos. Así, o persoal de Xeal non recibiu en decembro, por primeira vez en corenta anos, o tradicional lote de Nadal, algo que desde o comité ven como "un paso máis na estratexia de desmantelamento e deterioro progresivo" das fábricas de Cee e Dumbría dende a chegada hai dous anos do fondo de investimentos TPG-Ithaka.

"Despois do recorte drástico da produción, da destrución de emprego e da falta de investimentos nas plantas, a empresa ataca agora os dereitos conquistados polos traballadores e as traballadoras, deixando sen aplicación o convenio propio e eliminado as melloras que o texto recolle, tanto a nivel laboral, como económico e social", lamentan desde o comité.

Ademais, avanzan que a dirección xa remitiu escrito ao persoal comunicándolle un período transitorio de seis meses para a aplicación completa do convenio provincial do metal, no que deixa claro que non ten vontade de respectar as condicións que actualmente ten o persoal e que vai modificar xornadas, calendarios, vacacións, clasificación profesional e todo o relativo á estrutura retributiva.

Xunto a isto, apuntan, con efecto inmediato, a empresa quere suspender a regulación que até agora se viña aplicando en materia de permisos retribuídos, antigüidade e acción social, incluído o complemento de Incapacidade Temporal. 

Comentarios