A consultora Kroll disolve o consello de administración de Barreras e fica ao mando do estaleiro

Dstitúe o presidente executivo do estaleiro, Douglas Prothero e cesan como membros do consello de administración o avogado Carlos Pérez-Bouzada, Johan Kuitunen e José Ismael Rosado.
Estaleiros Hijos de J. Barreras. (Foto: Paula Justo / Europa Press).
photo_camera (Foto: Paula Justo / Europa Press).

A firma de consultoría internacional Kroll decidiu disolver o consello de administración do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, do que quedou ao mando. Fontes próximas á empresa consultadas por Europa Press confirmaron a destitución do presidente executivo do estaleiro, Douglas Prothero. Ademais, cesaron como membros do consello de administración o avogado Carlos Pérez-Bouzada, Johan Kuitunen e José Ismael Rosado.

En concreto, Prothero e os demais cargos que foron destituídos foran nomeados o pasado mes de setembro de 2020 no marco dunha remodelación do consello de administración acometida despois de que ese mesmo verán a filial de Ritz Carlton Cruise Yacht Yardco Ltd (CYYL) adquirise o 100% das accións de Barreras.

O pasado mes de maio, o estaleiro vigués anunciou que comezara a saldar a débeda contraída por 58 millóns de euros con entidades financeiras (43 millóns) e a industria auxiliar (15 millóns) pola construción do cruceiro 'Evrima', que en marzo foi trasladado a Santander para traballos de pintura.

Posteriormente, a finais do mes de xuño, comunicou a contratación dos servizos da firma de consultoría internacional Kroll para "apoiar e reforzar a estratexia da compañía" de cara a detectar alternativas para "garantir a súa estabilidade e viabilidade". Precisamente, esta consultora quedou ao mando do estaleiro coa disolución do consello de administración.

Paralalelamente, a pasada semana, a empresa realizou unha presentación aos sindicatos para unha futura negociación dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que se aplicaría ao seu cadro.

Así, esta segunda feira realizouse un pleno do comité de empresa (conformado por UXT, con maioría, CC.OO e CIG) para designar a representación dos traballadores na comisión negociadora para o expediente, mais a reunión finalizou sen acordo.

Comentarios