domingo 24/10/21

A situación dos tres grandes estaleiros vigueses preocupa na industria naval

Os sindicatos exixen á Xunta que deixe de mirar para outro lado e apoie o sector naval vigués, que cualifica de estratéxico.
A dirección do estaleiro Barreras encargou a unha consultora a procura de "alternativas" para facer viábel a factoría naval viguesa (Foto: Paula Justo / Europa Press).
A dirección do estaleiro Barreras encargou a unha consultora a procura de "alternativas" para facer viábel a factoría naval viguesa (Foto: Paula Justo / Europa Press).

O naval vigués vive as súas horas máis baixas con poucas expectativas de remontar, por moita vontade que poñan desde o sector. Os problemas na xestión dos grandes estaleiros provocaron que a día de hoxe a actividade estea practicamente parada. 

Barreras despediu hai unhas semanas o cruceiro de Ritz-Carlton, que a dirección mandou a pintar a Santander. Metalships tamén quedou sen carga de traballo e centra agora a súa actividade na reparación naval e, por último, a antiga Factorías Vulcano trata de revivir das súas cinzas reconvertida en Astilleros San Enrique, mais sen a concesión de parte dos terreos que a Autoridade Portuaria de Vigo vén de recuperar. 

Para Rubén Pérez, secretario xeral de Industria de UXT en Vigo, son "tres casos distintos" que debuxan un panorama "moi preocupante" para o sector. Pero nos tres hai varios denominadores comúns, como son a "mala xestión" por parte das empresas  propietarias, e o papel da Xunta, con competencias na materia, que "mira para outro lado". 

Pérez, que non ten constancia do anuncio de San Enrique de ofrecer a antiga Vulcano á Autoridade Portuaria para recuperar os cartos, teme que os estaleiros e as auxiliares non volvan recuperar o seu esplendor.

Tamén ve complicado que, sen novos pedidos, Barreras logre evitar a situación concursal. Con todo, considera que a inxección de capital público pode actuar como salvavidas pero "dificilmente" cre que a volta á titularidade pública dos estaleiros poida ser unha solución. 

O papel da Xunta

Pola súa banda, Xoán Xosé Bouzas, secretario nacional da federación de Industria da CIG, coincide en que os culpábeis desta situación están na dirección das empresas. "Tanto no caso de Vulcano como no de Barreras foron neglixentes totais. Non sei como unhas persoas que entendían o sector chegaron a esa situación de deterioro", lamenta.  

Pero a Administración tampouco está exenta de culpa. Para Bouzas, "a Xunta enche a boca dicindo que é un sector estratéxico e fai anuncios a "bombo e platillo" que despois non se traducen en absolutamente nada", por iso lle pide un papel máis activo.

O responsábel sindical entende que debe haber inxección de diñeiro público para reflotar o sector "pero a cambio deberá haber un proxecto industrial onde se vexa que a saída a esa situación é factíbel", apunta. 

Neste senso, considera fundamental o control dos cartos públicos, e a mellor forma é "facelo desde dentro", con préstamos participativos ou mesmo cunha intervención pública. En caso contrario, advirte, "irá á conta de resultados das empresas, pagarán catro débedas para contentar as persoas máis próximas e acabouse".

"Ou se aposta por que o estaleiro pase a ser público, haxa carga de traballo e se retome a actividade ou, con esta situación, nin consultora nin nada. Está abocado ao que está abocado", di. 

De feito cre que parte dos problemas de Barreras veñen da "mala saída". O feito de que non se coñecese o acordo para evitar o concurso faille sospeitar que é unha empresa "totalmente en quebra" e que a nova consultora contratada o único que vai facer é constatar esta realidade.

Con medios pero sen traballo

A construción naval na ría de Vigo é un sector que chegou a empregar 12.000 persoas nos seus mellores tempos, con estes estaleiros a pleno rendemento. Agora a ocupación non chega ás 600.

Con todo, segundo destacan desde os sindicatos, Vigo conta cunhas instalacións adecuadas, man de obra moi cualificada, pero "o que falta é a carga de traballo". Neste senso, critican os anuncios que despois quedan en nada, como a construción dun segundo cruceiro para Ritz-Carlton que nunca chegou, ou o da flota auxiliar de Pemex. 

Temen que o seguinte paso sexa mandar os traballadores ao paro e poñer novamente o estaleiro en situación concursal, o que, na súa opinión, abocaría Barreras a seguir os mesmos pasos que Vulcano e ir a liquidación, o que condenaría tamén a todas as empresas auxiliares que viven do sector. 

comentarios