domingo 19/09/21

O comité de Alu Ibérica exixe ás administracións a continuidade

A representación sindical do persoal da factoría coruñesa pide que se garanta a viabilidade industrial da empresa.
Representantes de Alu Ibérica ante a subdelegación do Goberno do Estado español na Coruña. (Foto: Comité de empresa)
Representantes de Alu Ibérica ante a subdelegación do Goberno do Estado español na Coruña. (Foto: Comité de empresa)

A sentenza xudicial contra Alu Ibérica pola vulneración da tutela de dereitos fundamentais en relación á liberdade sindical continúa a dar reaccións. O comité de empresa da factoría da Coruña reclamou onte á Xunta da Galiza e ao Goberno español que "tomen dunha vez a iniciativa" para adoptar medidas que garantan a viabilidade industrial da empresa.

A través dun comunicado, afirman que a sentenza "dá veracidade aos feitos que sempre defendeu este comité e condena con rotundidade a quen ocupou a planta de maneira ilexítima no mes de abril do pasado ano pola súa política  antisindical e de represión cara aos dereitos de todas as traballadoras e traballadores ao impedir e lesionar o dereito de folga". 

Sinalan que seguirán "defendendo da mesma forma que o fixemos nesta ocasión, todos e cada un dos procesos xudiciais emprendidos para botar luz sobre a gran mentira da suposta venda que Alcoa fixo das plantas de Avilés e A Coruña".

Tamén agardan que os "procesos xudiciais farán retornar aos seus postos de traballo as compañeiras e compañeiros inxusta e ilegalmente despedidos". 

A iniciativa para as administracións

Da sentenza indican tamén que "pon moito máis de manifesto, se cabe, a necesidade de que a Administración estatal, xunto coas administracións de Asturies e Galiza, tomen dunha vez a iniciativa para estabelecer as medidas necesarias e cautelares de amparo para a viabilidade industrial das dúas plantas máis aló dos procesos xudiciais".

Afirman, tamén, que as competencias para "manter o emprego nas comarcas de Avilés e A Coruña” son "competencia das administracións e non dos xulgados".

Por último, agradecen o "apoio" ás súas mobilizacións e demandas, das que afirman que o único obxectivo é "a viabilidade da planta" e garantir o emprego.

comentarios