sábado 16/01/21

Traballadoras de Alu Ibérica continúan coa folga polos despedimentos

O cadro de persoal insiste en solicitar a intervención da factoría por parte da Xunta e o Goberno do Estado español. De feito, o Supremo investiga as condicións nas que se deu a compra-venda da antiga fábrica de Alcoa na Coruña. Hoxe haberá unha nova manifestación ás 12 horas diante da fábrica, no polígono da Grela.
Oitavo día de folga ás portas de Alu Ibérica. (Foto: Comité de empresa)
Oitavo día de folga ás portas de Alu Ibérica. (Foto: Comité de empresa)

A representación do cadro de persoal e as propias traballadoras e traballadores de Alu Ibérica na Coruña continúan coa súa folga en protesta polos despedimentos e como acto reivindicativo para que se produza a intervención da fábrica por parte das Administracións Públicas. Hoxe decorre o oitavo día dese paro nun clima de tensión polas acusacións que fixo a dirección sobre o comité hai escasas xornadas e o cruce de declaracións.

De madrugada e polo día, decenas de operarias e operarios de Alu Ibérica concentráronse ás portas da fábrica situada no polígono industrial e comercial da Grela, na Coruña, para volver a exixir a readmisión inmediata dos compañeiros despedidos hai uns días.

A protesta fíxose ver mediante pequenos lumes que non afectaron ao tráfico rodado na zona pero que si amosaban unha columna de fume que indicaba que algo sucedía na antiga Alcoa.

Con estas accións volveuse pedir tamén a "intervención" por parte do Goberno do Estado e tamén da Xunta, pois a representación dos empregados leva meses advertindo das irregularidades que se producen na empresa e que xa poderían vir da compra.

De feito, o 23 de decembro comunicábase que a Audiencia Nacional aceptou abrir unha investigación penal ao redor da venda das plantas de Alcoa en Avilés e A Coruña. A xuíza María Tardón encargou a tarefa á Unidade Central de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) após recibir unha querela da Confederación de Cadros Profesionais que acusa de cinco delitos, entre outros, aos compradores das plantas por manobrar de forma ilícita para non salvar os postos de traballo de case 700 persoas.

O sindicato fala en concreto de feitos que “son constitutivos de delitos de estafa agravada, insolvencia punible, apropiación indebida, contra a seguridade dos traballadores e pertenza a grupo criminal”.

Con independencia do ritmo que segue ese proceso, hoxe o cadro de persoal volverá a concentrarse na Grela a partir das 12 horas co lema "Alcoa culpábel, Goberno responsábel".

comentarios